Belén do Campo visitou en Arzúa a empresa Maderas Carril
- Laura Moure

- hace 17 minutos
- 3 Min. de lectura
A delegada da Xunta na Coruña anima ás empresas forestais a solicitar as axudas para nova maquinaria e equipación por un importe de máis de 11 M€ abertas ata o 20 de marzo
Ecos da Comarca/Arzúa
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou onte unha empresa no Concello de Arzúa que resultou beneficaria, o pasado ano, dunha liña de axuda destinadas ao sector forestal: Maderas Carril. Esta empresa, con sede en Arzúa, está especializada na compra e venda de madeira, fundamentalmente de eucalipto e piñeiro. Durante o ano 2025, a compañía comercializou un total de 190.776 toneladas de eucalipto e 42.496 toneladas de piñeiro, consolidando a súa actividade no sector forestal.
A empresa adquire a maior parte da madeira directamente no monte, mediante a compra de árbores en pé en pequenas e medianas propiedades forestais. Unha vez realizada a compra, encárgase do proceso completo de corte e transporte ata a fábrica.

Para o desenvolvemento da súa actividade, dispón de 11 camións, 11 procesadoras ou taladoras, 4 autocargadores e 1 tractor, entre outros equipos. Ademais, a compañía conta cun equipo humano de 30 persoas. Entre os seus principais clientes atópanse grandes multinacionais e serradoiros privados de toda España e Portugal, como Navigator, Finsa ou DS Smith Paper Viana, o que reflicte a relevancia da empresa dentro da cadea de valor do sector
Apoio Xunta
A empresa recibiu unha subvención de 160.000 euros, que lle permitiu incorporar un autocargador forestal a través da orde para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, movilización e comercialización de produtos forestais, que supuxo unha porcentaxe da axuda do 40%.
Belén do Campo explicou que ata o 20 de marzo as empresas do sector forestal-madeira xa poden solicitar as axudas da Consellería de Economía e Industria para a adquisición de nova maquinaria, equipamento e para o acondicionamento de instalacións.
A delegada da Xunta explicou que se trata da liña de axudas Xera-tecno, que conta cun orzamento no 2026 de 11 millóns de euros, con axudas máximas que oscilan entre os 50.000 e os 250.000 euros.
A convocatoria establece cinco liñas: para a compra da maquinaria necesaria para realizar tratamentos silvícolas (podas, desbastes e rareos); para o acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa e á compra de maquinaria para a corta e desembosque de madeira; para adquirir equipamentos para o aproveitamento comercial da castaña ou a resina; para a primeira transformación da biomasa e da madeira, onde se inclúen equipos portátiles para a clasificación estrutural da madeira e maquinaria e instalacións de primeira transformación, entre outros; e para medición, rastrexabilidade e caracterización da madeira obxecto de aproveitamento, no que se inclúen equipos de medición de inventario forestal, vehículos aéreos non tripulados e os seus accesorios como cámaras LIDAR, entre outros.
Publicidade
Esta liña de axudas Xera Tecno supuxo un importante respaldo para empresas da comarca de Arzúa concretamente recibiron, o ano pasado, estas achegas 4 empresas unha de Arzúa, outra de Touro e dous do Pino cun investimento global de máis 572.000 euros, contribuíndo ao fortalecemento do tecido produtivo vinculado ao sector forestal. Na provincia da Coruña recibiron estas subvencións 29 empresas cun volumen de apoios de case 3,7 millóns de euros.
Novas convocatorias de axudas
A delegada da Xunta lembrou que xa están abertas as tres principais ordes de axuda da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para este ano, que mobilizarán máis de 16 millóns de euros destinadas á modernización do sector, á formación e á valorización da madeira e doutros produtos forestais.
O programa Xera Tecno, dotado con 11 millóns de euros, co prazo aberto ata o 20 de marzo, que inclúe liñas para a adquisición de maquinaria, mellora de instalacións, aproveitamento da biomasa, castaña ou resina, así como para a implantación de tecnoloxías de rastrexabilidade e inventario forestal, incluíndo o uso de drons. As axudas oscilarán entre os 50.000 e os 200.000 euros.
PUBLICIDADE
Durante a visita, Belén do Campo puxo en valor o peso estratéxico do sector forestal en Galicia e reafirmou o compromiso da Xunta de “seguir apoiando ás empresas que apostan pola mellora continua dos seus procesos produtivos para avanzar cara a un sector máis competitivo, moderno e sostible”.
A industria forestal-madeira en Galicia está integrada por arredor de 3.000 empresas, dá emprego a máis de 13.600 persoas e factura máis de 2.400 millóns de euros anuais, representando aproximadamente o 1,7 % do PIB galego.
Neste sentido, subliñou que estes apoios permiten aproveitar de maneira máis eficiente os recursos forestais galegos, ao tempo que impulsan a renovación de maquinaria, equipamentos e instalacións, incrementando o valor engadido da industria forestal-madeira e mellorando as condicións laborais no monte.








Comentarios