top of page

Belén do Campo pon a Casa Menor 1614 de Boimorto como exemplo de éxito de gandería extensiva

Foi distinguida co ouro na categoría de gandería extensiva grande nos IX Premios á Excelencia Hixiénico-Sanitaria das Explotacións Leiteiras de Leite Cru de Vaca 2025


Laura Moure/Boimorto

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto coa alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, desprazouse ata a explotación Casa Menor 1614, que ten unha produción de 1 millón de litros ao ano e conta con máis de 90 cabezas de gando vacún, para coñecer de primeira man o seu funcionamento e recoñecer o seu labor tras acadar o ouro na categoría de gandería extensiva grande nos IX Premios á Excelencia Hixiénico-Sanitaria das Explotacións Leiteiras de Leite Cru de Vaca 2025 (Os Premios Exceleite).

Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer e poñer en valor o esforzo das ganderías galegas que destacan pola calidade hixiénico-sanitaria do leite producido, polo cumprimento rigoroso das normas de seguridade alimentaria e polo compromiso coa mellora continua dos seus procesos produtivos. Belén do Campo subliñou que “estes recoñecementos buscan incentivar as boas prácticas no manexo do gando, na sanidade animal e na calidade do leite, contribuíndo así a reforzar a competitividade do sector lácteo galego, a confianza das persoas consumidoras e a proxección dunha imaxe de excelencia do rural de Galicia”.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Durante a visita, Belén do Campo puxo esta explotación como exemplo dun modelo produtivo sólido, sostible e con proxección de futuro, destacando a capacidade de adaptación e mellora continua dunha gandería que soubo medrar mantendo elevados niveis de calidade, sanidade e benestar animal. Segundo indicou, trátase dun claro reflexo da evolución positiva que está a vivir o sector lácteo galego.


A delegada incidiu no peso estratéxico do leite dentro da economía e da cohesión social do rural galego. “A excelencia do sector primario é unha das señas de identidade de Galicia, e esa reputación constrúese día a día co esforzo dos gandeiros e gandeiras”, afirmou, ao tempo que puxo en valor o recoñecemento acadado por Casa Menor 1614 como mostra dese bo facer.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!
Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!

Así mesmo, subliñou que o conxunto de actividades vinculadas á produción láctea —desde as explotacións ata a industria e a loxística— constitúe unha cadea de valor fundamental para o territorio, que conta co respaldo da Xunta para asegurar a súa continuidade e competitividade.


Belén do Campo lembrou que Galicia reforzou a súa posición como unha das principais rexións produtoras de leite a nivel europeo, un avance que se explica pola profesionalización do sector, a modernización das granxas e a aposta por modelos máis eficientes. “A produción segue medrando grazas a explotacións cada vez máis preparadas e con maior capacidade técnica”, sinalou.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Neste contexto, apuntou a delegada, “a explotación Casa Menor 1614 representa o tipo de gandería que promove o Goberno galego: moderna, responsable e orientada á calidade, mesmo en sistemas extensivos de gran dimensión, nos que a xestión e o control sanitario resultan determinantes”.


A delegada concluíu sinalando que exemplos como o de Casa Menor 1614 “amosan que o rural galego ten futuro cando conflúen profesionalidade, innovación e acompañamento institucional”.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page