top of page
Foto del escritorecosdacomarca

AVA demanda o arranxo "urxente" da Casa da Cultura

A Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (AVA) denuncia deficiencias na Casa da Cultura e insta ao goberno local a arraxalas de maneira "urxente".


"A Casa da Cultura da nosa vila é un auténtico centro de vida: alí dámonos cita todas as semanas, e sobre todo nas fins de semana, ben máis dun cento de persoas, dende cativos até maiores. É lugar de desenvolvemento preferente das actividades das nosas asociacións, polo tanto, sitio de encontro, de creación, de socialización... É un edificio público fundamental", apunta.


E por iso lamenta a situación na que se atopa. "O seu mantemento deixa moito que desexar nos últimos anos: problemas nos baños, nas paredes, coa calefacción, etc. E nos últimos meses, goteiras que provocan unha importante entrada de auga no salón de actos cada vez que chove forte ou hai treboada, como a que vivimos este sábado. A auga estraga as butacas, as paredes e pode chegar a derramar os útiles das asociacións, algúns deles electrónicos", sinala.


Lembra que a responsabilidade do seu mantemento e coidado é do Concello. "Leva anos desatendida, os problemas non son de agora, mais estanse agravando. Dende que concorremos ás eleccións do 2019, AVA estivo presente na aprobación do orzamento municipal de tres exercicios: 2019, 2020 e 2021. Nos tres debates de aprobación do orzamento pedimos que se reservara unha partida suficiente para o mantemento da Casa da Cultura. Mesmo chegamos a impugnar o orzamento de 2021 por falta de previsión de gasto para mantemento de edificios públicos", recalca,


Pero recrimina que "até o momento non se solucionaron os problemas desta instalación de transcendental importancia para a veciñanza. No orzamento deste 2021 (aprobado fóra de prazo recentemente) resérvase unha partida de 27.000 euros para a Casa de Cultura, colexio e centro de saúde. En principio, parece unha cantidade insuficiente: no vindeiro pleno preguntaremos cando se vai executar este gasto e en que van consistir as intervencións. Faremos fincapé na necesidade de efectuar con premura os arranxos que precisa a Casa da Cultura", sinala. "Está ben que as Administracións invirtan no noso Concello, como se ten anunciado e celebrado nos últimos tempos, pero é de responsabilidade e obriga que quen ten as competencias vele polo mantemento e o coidado dos edificios e infraestruturas. En definitiva, polo coidado das inversións que se pagan cos cartos de todos...", engade.

Algunhas incidencias que denuncia AVA.

0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page