top of page

Asocim reivindica a posta en valor e a estabilidade laboral das traballadoras dos CIM

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

A asociación reclama reforzar o servizo dos Centros de Información á Muller con máis persoal para garantir unha atención de calidade ás usuarias

A Xunta directiva de Asocim.

Laura Moure

Co motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, a Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller (Asocim) quere poñer en valor o traballo que realizan os Centros de Información á Muller (CIM) na promoción da igualdade entre mulleres e homes. Para esta asociación "é urxente estabilizar a situación laboral das profesionais dos CIM, un servizo declarado esencial polo Real Decreto-lei 12/2020 do 31 de marzo".

Solicita que se unifiquen os criterios na clasificación das traballadoras dentro da área de Igualdade nos cadros de persoal dos Concellos e nas Relacións de Postos de Traballo (RPT) que están en fase de realización en bastantes Concellos. Á entidade preocúpalle que "só un 27% dos CIM se reflictan correctamente nas RPT como un servizo independente, mentres que o 73% restante encádrase noutras áreas".


Reivindica que os CIM, como servizo específico atendido por profesionais expertas en igualdade, sexan recoñecidos como tal. Ademais, e relacionado coa súa consideración como servizo esencial, a entidade que aglutina ao persoal técnico dos CIM de Galicia considera que dita singularidade non se corresponde coa regularización dos postos das traballadoras nin tampouco coa inversión nos mesmos por parte das diferentes administracións competentes, o que se traduce en traballos precarizados en bastantes centros.


Dez horas

A asociación tamén denuncia que a obrigatoriedade da substitución das incapacidades laborais estase a vulnerar na maioría das ocasións, coa consecuente desatención do servizo que isto provoca. Co obxectivo de garantir a calidade e dignidade deste servizo, Asocim reclama ante as diferentes administracións o cumprimento do Decreto 130/2016 especialmente en relación ás dez horas mínimas estipuladas para as profesionais técnicas que non estean contratadas a tempo completo, algo que non se respecta en tódolos Concellos que contan cun CIM. Un cómputo de horas que, en opinión desta entidade, son insuficientes para poder atender axeitadamente ás usuarias, tendo en conta o incremento no número de consultas e á complexidade destas.


Por iso, Asocim considera absolutamente necesario e imprescindible ampliar as horas mínimas de atención e reforzar os Centros de Información á Muller con máis persoal, incluíndo novos perfís profesionais.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page