top of page

Asetem e o Concello organizan “Melide destino. Descubrindo Furelos” para promocionar a vila e os seus establecementos

A cita será o 21 de setembro


Laura Moure/Melide

Asetem e o Concello de Melide organizan unha nova actividade, Melide destino. Descubrindo Furelos, para promocionar o municipio e os seus establecementos de proximidade o vindeiro sábado 21 de setembro durante todo o día. Para realizar este novo proxecto de promoción, a Asociación empresarial e a Administración local, contarán cun guía turístico de primeira, Guido Álvarez Praga, coñecido como Guido Guía. Este profesional conta coa Diplomatura de Turismo, Máster de Planificación Turística e o Máster Europeo Maclands en Paisaxes Culturais. Ademais, ten numerosas experiencias profesionais no sector en localidades como Santiago, A Coruña e na actualidade, principalmente, na provincia de Lugo.

A actividade comezará sobre as 11:00 horas no Cantón de San Roque, punto de quedada da actividade, para de seguido coñecer diversas zonas de Melide con tempo para visitar os comercios e establecementos de hostalería da localidade. Ás 14:00 horas haberá realizarase unha comida conxunta, para aquelas persoas que o desexen, na cal cada participante deberá levar o seu xantar; haberá opción tamén de desfrutar da gastronomía local para os participantes que non desexen traer o xantar da casa.


Publicidade


Pola tarde, o grupo unirase de novo para baixar andando a Furelos e visitar o VII Mercado de Época. Ademais, Guido aproveitará esta visita para dar a coñecer diferentes lugares de interese da parroquia de Furelos como a Ponte Romana.


Esta iniciativa é totalmente gratuíta e para participar só hai que chamar ao: 981 50 61 88 ou enviar un whatsapp ao 698 13 23 24. A actividade vai dirixida tanto a persoas da contorna como doutros lugares de Galicia, dado que é unha oportunidade de coñecer e aprender máis sobre Melide, ao mesmo tempo que se promocionan os seus establecementos de proximidade.


Publicidade

A maiores, entre as persoas participantes que merquen ou consuman nalgún establecemento asociado a Asetem sortearanse 5 vales de compra de 20 euros. Para entrar no sorteo os consumidores deberán rexistrar a súa compra na APP da Asociación subindo unha foto do tícket.

0 comentarios

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page