top of page

As profesionais arzuás Lidia Veiga e Andrea González comparten coa mocidade reflexións sobre igualdade

O Concello de Arzúa organizou estes encontros no IES de Arzúa e no EFA Piñeiral como parte da campaña “Arzúa en igualdade. Agora e sempre, nin un paso atrás”, coa que se conmemora o 8M, Día das Mulleres Traballadoras


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa organizou durante estes días diferentes charlas no IES de Arzúa e no EFA Piñeiral con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día das Mulleres Traballadoras, no marco da campaña municipal “Elas… Referentes!”, unha iniciativa que busca poñer en valor o traballo, o talento e a profesionalidade de veciñas de Arzúa, ao tempo que abre espazos de reflexión sobre as desigualdades que aínda hoxe afrontan as mulleres.


No IES de Arzúa, a actriz e veciña do municipio Lidia Veiga mantivo dous encontros con alumnado do centro nos que abordou a transversalidade do machismo na sociedade actual. Desde a súa experiencia profesional no ámbito das artes escénicas, Veiga puxo o foco nalgunhas das dinámicas que continúan situando ás mulleres nunha posición de desigualdade.

Durante a súa intervención puxo exemplos concretos do propio sector audiovisual e teatral, onde áreas como perruquería, maquillaxe ou vestiario —tradicionalmente feminizadas— conviven cunha presenza maioritariamente masculina en postos técnicos ou de dirección. A partir destas experiencias, abriu unha reflexión co alumnado arredor da identidade e do xénero, explicando como os roles e estereotipos seguen situando ás mulleres nas marxes, e animando ás e aos estudantes a cuestionar esas expectativas sociais fronte á súa asunción automática.


Pola súa banda, no EFA Piñeiral, a docente e emprendedora Andrea González, impulsora da marca Mamá Teresa, coñecida en Arzúa pola calidade dos seus doces artesáns, mantivo un encontro co alumnado centrado na experiencia de emprender sendo muller desde o rural.


Durante a sesión compartiu a súa traxectoria persoal e profesional, reflexionando sobre os retos que implica sacar adiante un proxecto empresarial cando se vive no rural e sobre as dificultades que moitas mulleres seguen atopando no ámbito laboral.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

González puxo tamén o foco na invisibilización que, en moitas ocasións, segue a acompañar o traballo das mulleres, mesmo a pesar dos altos niveis de emprendemento feminino en determinados sectores. Neste sentido, subliñou tamén a importancia dos coidados e da conciliación, cuestións que continúan condicionando a participación das mulleres na vida económica e profesional.


A concelleira de Igualdade, Lucía López, quixo agradecer especialmente a participación das profesionais arzuás e a colaboración dos centros educativos na realización destas actividades. “É un orgullo contar con mulleres de Arzúa que, desde os seus ámbitos profesionais, están a facer unha achega valiosa á sociedade e que ademais queren compartir esa experiencia coa mocidade”, sinalou.


López destacou tamén a importancia de levar estas reflexións ás aulas: “Queremos que a campaña “Elas… Referentes!” sirva precisamente para iso: para visibilizar o talento das mulleres da nosa contorna e para abrir espazos de diálogo e reflexión entre a xente nova sobre as desigualdades que aínda existen”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

A concelleira agradeceu tamén a implicación do IES de Arzúa e do EFA Piñeiral, subliñando que a colaboración cos centros educativos resulta fundamental para avanzar na sensibilización social. “A educación é unha ferramenta clave para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria”, apuntou.


Estas actividades forman parte da programación municipal arredor do 8M, que este ano se desenvolve baixo o lema “Arzúa en igualdade. Agora e sempre, nin un paso atrás.”, reafirmando o compromiso do Concello coa defensa dos dereitos das mulleres e coa promoción dunha sociedade máis igualitaria.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page