top of page

As familias do IES de Melide denuncian os recortes de persoal docente e a eliminación de materias

"Consideramos que o alumnado do medio rural non pode ser discriminado pola Administración Educativa e que teñen exactamente os mesmos dereitos que calquera outro mozo ou moza de Galicia", recalcan


Laura Moure/Melide

As familias de alumnado do IES Melide denuncian recortes de persoal docente e a eliminación de materias en segundo de Bacharelato. Este xoves presentaron un escrito coas súas queixas e demandas por ventanilla única a Xefatura Territorial e a Consellería de Educación e, por correo certificado, aos grupos parlamentarios do Parlameto de Galicia.

O IES Melide. Autor: Páxinas Galegas.

Óscar Carracedo Vázquez, presidente da ANPA; María Carmen Pardo Prieto e Juan Carlos Pérez Castro, representantes das familias no Consello Escolar do IES de Melide e representantes, ademais, das familias do alumnado afectado de 2º de Bacharelato do IES de Melide, informan que o pasado luns, 6 de setembro, tiveron coñecemento de que

o alumnado que cursa 2° de BAC no IES de Melide, matriculado en varias materias TRONCAIS de opción (Debuxo Técnico, Grego, Física, Historia da Arte e Xeoloxía), non poderán cursalas ao non acadar o número mínimo de cinco matriculados que esixe a Resolución do 17 de xuño de 2021 da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para seren impartidas, materias que ponderan na ABAU para matricularse nas facultades da súa preferencia.


Por tal motivo, manifestan:

  1. A súa profunda preocupación por esta situación sen precedentes no IES de Melide.

  2. Que non é de recibo que o alumnado, a piques de comenzar o novo curso, se lles obrigue a cambiar a súa matrícula e renunciar así ás súas ilusións polo simple feito de residir nun concello do rural. "Concellos nos que é difícil, ás veces, cubrir o número caprichoso de alumnado para cumprir as esixencias da resolución, pero que teñen os mesmos dereitos que o alumnado urbano".

  3. Que tendo xa iniciada unha traxectoria educativa en 1º de BAC, que agora se lles corta, ven que non só teñen que modificar a súa matrícula en segundo, senón tamén recuperar materias de primeiro de BAC para cursar as outras materias troncais de opción que se lles ofrece. Desas opcións non estiveron matriculados no curso anterior por non ser do seu interese.

  4. Que parte dese alumnado aspira a facultades con nota de corte alta para as que precisarían, non só ter coñecemento, senon tamén ponderar na ABAU devanditas materias (caso de moitas enxeñerías e dobres graos coa Física e o Debuxo Técnico).

  5. Esta situación provoca, ademais, ao alumnado de primeiro de Bacharelato do IES de Melide unha absoluta inseguridade ao descoñecer previamente que materias terán continuidade en segundo.

  6. O alumnado do segundo curso de Bacharelato queda, sen dúbida, nunha clara desventaxa para acceder á Universidade con respecto a aqueles que teñen a sorte de cursar estudios en centros de cidades nos que se imparten todas as opcións ou, de non seren así, teñen a posibilidade cambiar a outro centro educativo próximo.

  7. "Consideramos que non se poden tomar este tipo de decisións tan prexudiciais sen dar tempo suficiente para que as familias poidan decidir libremente, antes de matricularse nun centro, como afrontar o futuro educativo dos seus fillos e fillas".


Por todo isto piden que "non se recorte o persoal docente no IES de Melide para o presente curso 2021-2022; que teñan en conta as nosas preocupacións antes de tomar unha decision definitiva ao respecto, que ningún alumno/a de 2º de Bacharelato se vexa prexudicado por devandita resolución que tanto afecta ao normal funcionamento do seu último curso no IES de Melide e ao seu futuro académico". Ademais, recalcan que as familias directamente afectadas, e a ANPA do IES de Melide no seu conxunto, "non permitirán que se leve a cabo este grave dano ao alumnado de segundo de Bacharelato previsto pola Consellaría de Educación nin que se siga recortando a calidade do ensino dos nosos fillos e fillas".


"Consideramos que o alumnado do medio rural non pode ser discriminado pola Administración Educativa e que teñen exactamente os mesmos dereitos que calquera outro mozo ou moza de Galicia. As familias que asinan o presente escrito farán todo o posible para garantir un ensino de calidade no IES de Melide e non escatimarán esforzos para conseguilo", recalcan.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page