As claves das estratexias de prezo da industria agroalimentaria a debate na Efa Piñeiral de Arzúa
- Laura Moure

- hace 13 horas
- 2 Min. de lectura
O centro acolleu onte o curso “Máis alá do custo: estratexias de prezo para produtos agroalimentarios” promovido coa colaboración da Fundación Juana de Vega
Laura Moure/Arzúa
Este xoves celebrouse en Arzúa a xornada “Máis alá do custo: estratexias de prezo para
produtos agroalimentarios” promovida pola Fundación Juana de Vega e o centro de formación profesional e promoción rural Efa Piñeiral. Sofía Pérez (consultora en innovación e estratexia), Sara Torreiro (responsable de márketing de Casa Grande de Xanceda) e Javier Corrochano (Iuni Consulting e consultor do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega) expuxeron a súa experiencia e visión sobre as claves da estratexia de fixación dos prezos na industria agroalimentaria.

Sofía Pérez puxo de manifesto a importancia que cobra a comunicación na estratexia de pricing “O valor existe só se se percibe. A mellor proposta de valor do mundo, mal comunicada, non se paga. O investimento en comunicar,demostrar e soster o valor en cada punto de contacto co cliente é o investimento máis directo na defensa do prezo”.
Pola súa banda Sara Torreiro incidiu na relevancia de poñer en valor o proxecto e non o produto,” cando hai historia é valor e cando hai valor o prezo deixa de ser un problema”. “O prezo non se calcula, deséñase. É un elemento estratéxico que captura valor” afirmou Javier Corrochano (Iuni Consulting) na súa ponencia.
PUBLICIDADE

Na acción formativa, á que asistiron estudantes de márketing e publicidade así como produtores e profesionais do eido agroalimentario, tamén se celebrou a mesa redonda protagonizada por Bico de Xeado, Sacrapastas, Kalekoi e Gandería Lanzán. Neste intercambio de experiencias quedou de manifesto a importancia de diferenciarse e achegar valor para poder gañar a confianza e respeto do consumidor así como da necesidade de contar con asesoramento experto para definir a estratexia de prezo dos produtos. “Interpretar tendencias e futuro é a pedra angular para poder fixar un prezo que nos garanta viabilidade no futuro” afirmou José Luis Cabarcos de Bico de Xeado.
A actividade completouse cunha sesión práctica a cargo de Javier Corrochano de Iuni onde os participantes desenvolveron unha práctica de deseño de prezo con diferentes supostos.
Publicidade
“A formación ocupa un papel central na actividade da Efa Piñeiral como centro de promoción rural. Neste contexto, o respaldo da Fundación Juana de Vega e a presenza de expertos de primeiro nivel contribúen a mellorar a capacitación do alumnado e dos profesionais do sector agroalimentario, un ámbito clave para o desenvolvemento do territorio e un eixe de traballo fundamental da nosa institución”, destacou a directora do centro, Raquel Carregal.







Comentarios