top of page

Arzúa vivirá hoxe a tradicional queima do Castelo de Santa María na noite de San Xoán

Terá como protagonista a un peregrino ou peregrina que chegue a Arzúa durante a xornada e que será a persoa encargada de prender lume á fortaleza e deixar o seu nome gravado no Muro dos Luceiros


Laura Moure/Arzúa

Arzúa prepárase para vivir hoxe a noite meiga. A celebración volverá reunir veciñanza, visitantes e peregrinos arredor dunha programación na que non faltarán a música, a animación, a gastronomía e a tradicional queima do Castelo de Santa María, que este ano cumpre 27 anos de historia convertida nun dos sinais de identidade do San Xoán arzuán. A espectacular fortaleza, construída grazas ao traballo e á implicación da veciñanza durante meses, volverá ser a gran protagonista da festa.

Un dos momentos máis especiais da celebración será a recepción do peregrino ou peregrina escollido polos Cofrades de San Xoán de Santa María entre as persoas que cheguen durante a mañá ao albergue previamente seleccionado para esta edición. Será esta persoa a encargada de prender lume ao castelo durante a noite e de deixar o seu nome gravado para sempre no Muro dos Luceiros.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Ás 21:00 horas celebrarase a tradicional cea de San Xoán. Ás 22:00 horas terá lugar o pregón, que nesta edición correrá a cargo da compositora e cantante arzuá MJ. Pérez. A

continuación, ás 22:30 horas, desenvolverase unha exhibición de esgrima histórica a cargo

de Arte do Combate, seguida dun serán aberto para todas aquelas persoas que desexen

participar.


O momento máis esperado da celebración chegará ás 00:00 horas coa tradicional queima do Castelo de Santa María. A festa continuará coa verbena amenizada polo grupo Alaska e DJ Chirimbolo, prolongando a celebración ata ben entrada a madrugada.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

A concelleira de Turismo, Begoña Balado, destaca que “esta festa representa moi ben a

identidade de Arzúa, porque combina o valor das nosas tradicións coa importancia que ten o Camiño de Santiago para o municipio”. A edil puxo tamén en valor “o enorme traballo e a implicación dos veciños e veciñas que, durante meses, fan posible a construción do castelo e manteñen viva unha tradición que forma parte da nosa historia”. Balado engadiu que “o recoñecemento aos peregrinos é unha maneira de agradecer a súa presenza e de compartir con eles unha celebración moi especial para a nosa vila”.


Co Castelo de Santa María xa preparado para a súa tradicional queima, Arzúa ultima os detalles dunha celebración que volverá converter a noite de San Xoán nunha experiencia única para veciñanza, visitantes e peregrinos.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page