top of page

Arzúa reparte 60 composteiros entre os seus veciños

O Concello organizou unha xornada formativa para as persoas que os recibiron de xeito gratuíto, coa finalidade de conseguir unha xestión máis sostible do lixo


Laura Moure/Arzúa

Artellar políticas respetuosas co medio e facer partícipes delas aos cidadáns é un dos grandes retos do goberno municipal do Concello de Arzúa. O acertado deste propósito de Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE púxose aínda máis de manifesto nos últimos meses cando o cambio climático, as continuas secas que padecemos e as numerosas vagas de incendios acontecidos no país incrementaron a necesidade de invertir e dobrar esforzos no ámbito da sensibilización medioambiental. Así, en breve, desenvolverase en Arzúa unha novidosa iniciativa medioambiental que consiste na creación dun plan de compostaxe que

permitirá a instalación dos dous primeiros Centros de Compostaxe Comunitaria do municipio.


Trátase de instalacións pensadas para xestionar os residuos domésticos de carácter orgánico xerados por pequenas comunidades de persoas. Un dos centros será instalado no recinto do CEIP de Arzúa e o outro nas inmediacións da Escola Infantil e Residencia San Xosé. O obxectivo desta iniciativa é implicar na xestión in situ da fracción orgánica aos grandes xerados de residuos do concello.

Ao tempo que se desenvolve esta iniciativa de carácter comunitario e grupal, o goberno municipal procedeu tamén a darlle pulo á compostaxe doméstica de carácter individual ou familiar. Así, a semana pasada, fíxose entrega no Multiusos Terra do Queixo de 60 composteiros aos veciños e veciñas de Arzúa que así o tiñan solicitado. Os composteiros foron adquiridos polo Concello de Arzúa en cofinanciación coa Xunta de Galicia a través dos Fondos Next Generation da UE. A entrega dos composteiros complementouse cunha xornada formativa sobre a compostaxe.


O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vallo, salientaba este martes a importancia destas xornadas formativas para todas aquelas persoas que van dispoñer dun composteiro xa que “a nosa finalidade é estender a autocompostaxe polas parroquias, fomentando a prevención da xeración de residuos e acadar, así, unha xestión máis sostible do lixo”.

Dado que o Concello aínda dispón dalgúns composteiros sobrantes, todas aquelas persoas que desexen facerse con algún poden solicitalo a través do rexistro municipal ou da sede electrónica; tamén poden obter máis información ou resolver calquera dúbida no correo electrónico información@foresin.es ou no teléfono 622 771 300.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page