top of page

Arzúa reivindicará o domingo 29 o orgullo, diversidade e compromiso cos dereitos LGTB+

24 jun 2025
2 min de lectura

O Concello conmemora o Día do Orgullo cun programa de actividades pensadas para toda a veciñanza, que mestura reflexión, artes escénicas e festa cunha firme defensa da liberdade e a dignidade das persoas LGTB+


Laura Moure/Arzúa

Este domingo 29 de xuño, os xardíns da antiga Casa de Correos de Arzúa converteranse nun espazo de encontro, reivindicación e visibilidade co gallo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTB+. A iniciativa, promovida polo Concello de Arzúa a través da área de Igualdade, desenvolverase durante a mañá e contará cun programa diverso e inclusivo que mestura pensamento crítico, artes escénicas e música, ao tempo que reivindica os dereitos das persoas do colectivo.

A xornada comezará ás 12:00 horas cun faladoiro aberto ao público titulado “Voces LGTB en Arzúa: ser, sentir e existir en liberdade”, no que participarán persoas do colectivo como Daniel Regueiro, María Roibás, Xián Senín e Iria Carreira, que compartirán as súas experiencias persoais desde unha perspectiva rural e galega. Trátase dunha conversa honesta e necesaria, nun momento no que os indicadores sociais e institucionais alertan dun retroceso nos dereitos e dunha preocupante normalización dos discursos de odio. De xeito simultáneo, as crianzas maiores de tres anos poderán asistir á obra teatral “Daniel e Daniela”, da compañía Trémola Teatro, que aborda a realidade das persoas trans desde a infancia, con sensibilidade e vocación pedagóxica. O Concello habilitará tamén un espazo concilia para facilitar a participación das familias na actividade principal.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A mañá rematará cunha sesión vermú musical a cargo de DJ Misa, nun ambiente festivo e de convivencia pensado para compartir, gozar e celebrar a diversidade.


A concelleira de Igualdade, Lucía López, destacou a relevancia de reivindicar unha data como esta no contexto actual: “Estamos nun contexto político no que, por primeira vez en moito tempo, os discursos que negan a realidade e as violencias ás que se enfronta o colectivo LGTB+ teñen unha enorme cobertura mediática. Desde a Concellería de Igualdade queremos ser claras e reivindicar unha data que segue a ser necesaria, porque falamos do dereito a existir en liberdade e dignidade, sen que a orientación sexual ou a identidade de xénero poidan ser motivo de odio, exclusión ou violencia.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

“Coa Festa do Orgullo queremos lanzar e reivindicar unha cuestión clave: o Concello de Arzúa traballará sempre para garantir espazos seguros para as persoas do colectivo LGTB+ e terá moi presente, nas súas políticas públicas, as desigualdades estruturais que aínda persisten.Somos conscientes de que, aínda hoxe, moitas persoas seguen a sufrir discriminación no ámbito familiar ou laboral tras visibilizar a súa orientación sexual ou identidade de xénero. As institucións temos a responsabilidade de reverter esa realidade, tamén desde as políticas do día a día.”


A Festa do Orgullo conta coa colaboración da Festa dos Botes, un colectivo no que se aglutina a xuventude arzuá, comprometida e participativa, sempre presente nos actos de reivindicación social promovidos polo Concello.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page