top of page

Arzúa recuperará camiños tradicionais na contorna de Pantiñobre para crear o Roteiro das Corredoiras

O proxecto, que se executará nas vindeiras datas, será presentado o domingo

pola concelleira de turismo, Begoña Balado, e completarase cunha ruta en bicicleta


Laura Moure/Arzúa

Este domingo, 2 de abril, a concellería de Turismo de Arzúa ten previsto organizar un acto de presentación dun novo proxecto denominado “Roteiro das Corredoiras”. A Capela da Madanela será o escenario no que a titular de turismo municipal, Begoña Balado, acompañada de persoal da empresa Patrimonea, darán a coñecer, a partir das 9:45 horas, os pormenores dunha actuación que se executará nas vindeiras datas e que permitirá recuperar unha rede de corredoiras situadas na contorna da parroquia de Pantiñobre.

Trátase dun roteiro circular duns 15 quilómetros aproximadamente, con inicio e final na céntrica Praza de Galicia de Arzúa. As corredoiras que na actualidade se atopan en desuso conservan, sen embargo, a súa morfoloxía orixinal e están flanqueadas por ringleiras de carballos que ofrecen sombra e unha paisaxe agraria case desaparecida en boa parte do país, o que o converte nunha referencia de recuperación e posta en valor do patrimonio en Galicia.

O acto previsto para este domingo permitirá, ademais de dar a coñecer os detalles do que

será un novo roteiro en Arzúa, desfrutar dunha actividade de balde que consistirá nun

percorrido en bicicleta ao longo dun tramo da ruta.

O Concello de Arzúa contratará proximamente as actuacións que permitirán recuperar as

corredoiras para facelas practicables e poñelas a disposición de todas as persoas que

desexen desfrutar de lugares fermosos en plena natureza: Camiño das Barrosas a San

Bieito, San Xoán de Navas, Ponte de Carracedo, Camiño Real de Pantiñobre a Pastoriza A

Vella e corredoiras e camiños que conservan elementos tradicionais na aldea do Rial en

Pantiñobre.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page