Arzúa reclama á Xunta que o Bono Concilia Familia inclúa tamén os servizos municipais de conciliación
O alcalde remitiu unha carta á conselleira de Política Social e Igualdade para pedir que as familias que utilizan recursos públicos poidan acceder ás mesmas axudas que aquelas que recorren a servizos privados
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa vén de solicitar á Xunta de Galicia que rectifique a exclusión dos servizos de conciliación promovidos polas administracións públicas do Bono Concilia Familia e permita que as familias usuarias destes recursos municipais poidan beneficiarse tamén desta axuda.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, trasladou esta petición por escrito á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, ante unha situación que, segundo sinala, provoca unha diferenza de trato entre familias en función do tipo de servizo de conciliación ao que teñan acceso.

Na actualidade, as familias que empregan servizos municipais de conciliación quedan fóra do bono, mentres que aquelas que recorren a determinadas actividades ou recursos privados si poden solicitar a axuda. Unha circunstancia que cobra especial importancia en concellos nos que a oferta privada é reducida ou, directamente, inexistente.
“Non é razoable que unha familia perda a posibilidade de acceder a unha axuda simplemente porque o servizo de conciliación que utiliza é público”, sinala Carril, que lembra que os concellos realizan un importante esforzo económico e organizativo para ofrecer este tipo de recursos ás familias.
No caso de Arzúa, o Concello conta cun servizo municipal de conciliación co que busca dar resposta ás necesidades das familias tanto durante o curso como nos períodos non lectivos. Desde o goberno municipal consideran que estes recursos públicos deben ser apoiados e reforzados polas demais administracións, e non supoñer unha desvantaxe para as persoas que os utilizan.
PUBLICIDADE
A situación resulta especialmente significativa neste inicio de curso, cando se acumulan os gastos relacionados coa volta ás aulas e coa organización familiar. “As familias necesitan apoio, especialmente nun momento como a chamada costa de setembro. A administración debe facilitar a conciliación e garantir que as axudas cheguen en condicións de igualdade, independentemente de onde se viva ou da capacidade económica de cada fogar”, explica o alcalde.
Desde o Concello incídese ademais na dimensión territorial da medida. En moitos municipios non existe unha oferta privada equivalente de campamentos ou actividades de conciliación, polo que as familias non teñen realmente a posibilidade de escoller entre un recurso público e un privado. Para o goberno local, vincular a axuda unicamente a determinados servizos privados pode acabar penalizando precisamente ás familias que viven en municipios con menos oferta.
PUBLICIDADE
Carril defende que “non se está pedindo ningún trato especial para Arzúa, senón igualdade de oportunidades para todas as familias”. Neste sentido, considera que o obxectivo das políticas públicas de conciliación debe ser facilitar o acceso das familias aos recursos que teñan dispoñibles no seu territorio, con independencia de que estes sexan prestados por unha entidade pública ou privada.
Por todo isto, o Concello de Arzúa solicita á Xunta que revise os criterios do Bono Concilia Familia e permita incorporar os servizos municipais entre os recursos que poden dar acceso á axuda.
“O importante é que as administracións traballemos na mesma dirección: facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e evitar que o lugar no que vive unha familia ou o tipo de servizo que ten á súa disposición determine o seu acceso ás axudas”, conclúe o alcalde.









Comentarios