Volven as escolas públicas municipais de Deportes e Cultura de Arzúa cunha oferta reforzada
Hoxe abre o prazo de inscrición para ximnasia de mantemento, mentres que o resto das actividades poderán solicitarse do 23 ao 30 de setembro
Laura Moure/Arzúa
Co inicio do novo curso volven tamén as escolas públicas municipais de Deportes e Cultura do Concello de Arzúa. A programación para 2026-2027 mantén unha ampla oferta para diferentes idades e chega este ano reforzada nalgunhas das actividades que veñen rexistrando unha maior demanda.

O primeiro prazo de inscrición abre xa hoxe, mércores 16 de setembro, para ximnasia de mantemento, e permanecerá aberto ata o día 18. Para o resto das actividades, o período ordinario de inscrición desenvolverase do 23 ao 30 de setembro. Posteriormente, do 1 ao 30 de outubro, abrirase un prazo extraordinario para as prazas que continúen dispoñibles.
A demanda rexistrada nos últimos cursos levou o Concello a reforzar este ano algunhas das actividades con maior participación, ampliando o número de grupos e de prazas dispoñibles.
Desde a área de Cultura créanse dous novos grupos. Danza moderna contará cun grupo máis, o que permitirá atender 20 alumnas e alumnos adicionais, mentres que pintura amplía tamén a súa oferta cun novo grupo e 15 prazas máis.
PUBLICIDADE
O reforzo chega tamén á área de Deportes. Pilates pasa das 35 prazas do curso anterior a 60, ao pasar dun único grupo a dúas quendas. A actividade desenvolverase os luns e mércores, cun grupo de 20.00 a 21.00 horas e outro de 21.00 a 22.00 horas.
En conxunto, a ampliación destas tres actividades permitirá ofrecer 60 prazas máis este curso, co obxectivo de dar resposta á demanda da veciñanza e facilitar que un maior número de persoas poida participar nas escolas municipais.
A programación para o curso 2026-2027 inclúe ximnasia de mantemento, pilates, ioga, tenis, patinaxe, zumba, danza moderna, bailes afrolatinos, pintura e club de lectura, cunha oferta que abrangue desde a infancia ata as persoas maiores.
PUBLICIDADE
As inscricións realizaranse presencialmente na Oficina de Cultura e Deportes, situada no primeiro andar do Edificio María Mariño, na rúa Padre Pardo, 33, en horario de 8:30 a 14:00 horas.
• Ximnasia de mantemento: do 16 ao 18 de setembro.
• Resto das actividades: prazo ordinario do 23 ao 30 de setembro.
• Prazo extraordinario: do 1 ao 30 de outubro, para as prazas que continúen dispoñibles.
• No caso do club de lectura, o prazo ordinario estará destinado ás renovacións e o extraordinario ás novas altas, sempre que queden prazas dispoñibles.
• Para formalizar a inscrición será necesario presentar o número de conta bancaria.
Toda a información sobre horarios, grupos e prezos pode consultarse en arzua.gal.









Comentarios