Arzúa promove xornadas educativas nos centros escolares para concienciar contra o abandono animal
- Laura Moure

- hace 37 minutos
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa iniciou un programa de xornadas educativas de concienciación contra o abandono animal dirixidas ao alumnado dos centros educativos do municipio. A iniciativa está impulsada pola Concellería de Medio Ambiente e Benestar Animal en colaboración con XEA, entidade especializada na xestión ética do abandono animal, e cos propios centros escolares.

As xornadas comezaron no centro EFA Piñeiral e continuarán ao longo das vindeiras semanas no IES de Arzúa e no CEIP de Arzúa. O obxectivo é sensibilizar á mocidade sobre a responsabilidade que implica ter unha mascota, as consecuencias do abandono e as vantaxes da adopción fronte á compra á hora de incorporar un animal á familia.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

As sesións teñen un carácter educativo e participativo e permiten achegar ao alumnado unha realidade presente en todos os concellos, ao tempo que se traballan valores como o respecto e a responsabilidade no coidado dos animais.
O concelleiro de Medio Ambiente e Benestar Animal, Daniel Moscoso, sinalou que “cada mes abandónanse animais no noso concello” e explicou que con este tipo de iniciativas “búscase concienciar á poboación”, destacando que “a implicación veciñal é clave para avanzar cara a unha cota de abandono cero”.
Publicidade
Moscoso agradeceu tamén a colaboración de XEA e os centros do ensino, destacando o carácter pedagóxico das xornadas e a súa capacidade para espertar o interese da mocidade por unha problemática que, segundo indicou, “se repite en todos os concellos de Galiza”.
Publicidade
Creada en 2018, XEA traballa en colaboración con numerosos concellos galegos na xestión do abandono animal desde unha perspectiva legal e orientada ao benestar animal. A entidade conta cunha páxina web, https://xea.gal/, na que dispón dun apartado específico para a adopción responsable de animais.








Comentarios