Arzúa presenta “O galego, a mellor herdanza” para promover e poñer en valor o uso da nosa lingua
- Laura Moure

- hace 2 horas
- 4 Min. de lectura
A iniciativa desenvolverase a través dunha programación de actividades de dinamización lingüística durante os meses de maio e xuño
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa vén de presentar “O galego, a mellor herdanza”, unha campaña impulsada desde a Concellería de Normalización Lingüística para promover o uso social do galego e avanzar na normalización da lingua. A iniciativa desenvolverase durante os meses de maio e xuño a través dunha programación de música, literatura, narración oral e dinamización lingüística dirixida ao público escolar, infantil e xeral. As actividades inclúen tamén propostas vinculadas ás Letras Galegas 2026, dedicadas este ano á escritora e xornalista Begoña Caamaño, e poñen o foco na lingua como parte esencial do patrimonio do pobo galego.
O galego como dereito e patrimonio cultural
A concelleira de Normalización Lingüística, Lucía López, sinalou que o lema da campaña, “O galego, a mellor herdanza”, apela “á responsabilidade de coidar e transmitir a lingua galega como parte esencial do noso patrimonio cultural”.
“Recibimos unha cultura rica, unha lingua con historia, prestixio e capacidade para expresar o mundo desde nós. Temos a responsabilidade de garantir que as futuras xeracións tamén reciban esa herdanza e poidan facela súa, porque perder a nosa lingua propia suporía tamén deixarlles ás xeracións que veñen un legado cultural máis pobre”, destacou.

Neste sentido, López explicou que a campaña quere poñer o foco “na situación de emerxencia lingüística que atravesa o galego e na necesidade de actuar desde as institucións públicas para reverter esa tendencia”. “Coñecer e usar o galego, a nosa lingua propia, é un dereito: o dereito a medrar coa lingua da Galiza, a entendela e a usala con normalidade en calquera contexto da vida cotiá. Con esta campaña, desde a Concellería de Normalización Lingüística queremos contribuír a garantir ese dereito”, afirmou.
Unha programación para reforzar o uso social da lingua
A programación combina actividades nos centros educativos, propostas para a infancia, música, lectura pública e iniciativas abertas ao conxunto da veciñanza. O obxectivo é achegar o galego a diferentes idades e públicos mediante formatos participativos, pedagóxicos e accesibles.
“Queremos que o galego estea presente en espazos diferentes e para públicos diferentes, porque esa é a mellor maneira de garantir a súa continuidade: usalo, escoitalo, lelo, cantalo e compartilo con normalidade”, engadiu a concelleira.
A programación arrancará o 12 de maio no IES de Arzúa co espectáculo “GPA, galego para adolescentes”, de Avelino González, unha proposta dirixida ao alumnado de secundaria centrada na reflexión arredor da lingua galega entre a mocidade.
O Concello pon en valor, neste punto, o traballo co tecido educativo de Arzúa, fundamental para achegar o galego á infancia e á xuventude desde propostas adaptadas ás diferentes idades.
A programación continuará o 20 de maio no CEIP de Arzúa coa actividade “A Gran Viaxe das Letras Galegas”, da compañía A Xanela do Maxín, dirixida ao público infantil e escolar.
As actividades destinadas á primeira infancia terán tamén un lugar importante dentro da proposta. O 29 de maio, a Escola Infantil A Galiña Azul acollerá “Arrolar”, da Fundación Legar, mentres que o 26 de xuño terá lugar o “Concerto didáctico de nanas”, de Xoán Curiel.
PUBLICIDADE
Begoña Caamaño, unha voz para pensar o galego desde o presente
A programación incorpora tamén a homenaxe a Begoña Caamaño, escritora, xornalista e activista feminista á que se dedica este ano o Día das Letras Galegas. A autora contribuíu á literatura galega contemporánea desde unha mirada crítica, libre e comprometida co seu tempo.
Lucía López destacou que a figura de Begoña Caamaño “permite lembrar que o galego é unha lingua plenamente válida para pensar o mundo, crear literatura, revisar os mitos, cuestionar as relacións de poder e construír unha cultura contemporánea desde nós”.
“Begoña Caamaño escribiu desde o galego con plena conciencia do seu valor cultural, literario e social. A súa obra demostra que a nosa lingua non é un espazo pequeno nin limitado, senón unha ferramenta para dialogar cos grandes temas universais desde a nosa propia cultura”, sinalou a concelleira.
Neste marco, un dos actos centrais da programación será a lectura pública de textos da autora, organizada en colaboración co Club de Lectura municipal. A actividade terá lugar o 16 de maio na Praza de Galiza e busca converter a lectura nun espazo compartido de encontro, reflexión e homenaxe arredor da súa obra.
A música terá tamén un papel destacado co concerto “Cancións Begoñísimas. Tecedora de soños”, de Uxía, previsto para o 23 de maio na Capela da Madanela. A actuación, aberta a todos os públicos, conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
A programación completarase o 5 de xuño co espectáculo infantil “Brinca vai!”, de Paco Nogueiras, no Parque Infantil ou na Biblioteca Municipal en caso de choiva.
PUBLICIDADE
O Concello anima a veciñanza a participar nas actividades e a facer desta programación un espazo compartido arredor da lingua, da cultura e da continuidade do galego.
Un legado que se garante co uso
Lucía López sinalou que o lema da campaña resume “unha idea fundamental: a mellor maneira de defender o galego é garantir que siga sendo unha lingua viva, útil e presente na vida diaria”.
“O galego é unha herdanza que recibimos e un legado que temos a responsabilidade de garantir. Ese legado só terá futuro se as xeracións que veñen teñen o dereito a coñecelo e usalo con normalidade en calquera espazo da súa vida cotiá”, concluíu a concelleira.








Comentarios