Arzúa presenta a súa programación para o Día do Comercio Local 2025
- Laura Moure

- hace 9 minutos
- 2 Min. de lectura
O programa inclúe animación de rúa, actividades para público familiar, promocións especiais nos establecementos participantes e un sorteo presencial
Laura Moure/Arzúa
A Concellaría de Turismo, Promoción Económica e Acción Urbana do Concello de Arzúa avanza nos preparativos dunha nova edición do Día do Comercio Local, que se celebrará do 6 ao 8 de decembro. Begoña Balado presentou o xoves a programación completa nunha reunión que contou coa participación de representantes dos 35 establecementos adheridos, cifra que supón un récord de participación con respecto a edición anteriores.
Durante o encontro, a concelleira detallou unha proposta de actividades orientada a dinamizar o comercio e a hostalaría do municipio nestas datas, que coinciden coa feira quincenal e co inicio da campaña de Nadal. O programa inclúe animación de rúa, actividades para público familiar, promocións especiais nos establecementos participantes e un sorteo presencial.

O programa arrancará o sábado 6 de decembro coa posta en marcha do Tren Turístico, con saída dende a Praza de Galiza, e servizo tanto o sábado como o domingo en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas. O luns 8, o Tren Turístico volverá estar operativo con horario ampliado, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, facilitando así a participación das familias durante toda a xornada festiva.
Tamén o día 8, a Praza de Galiza acollerá inchables, xogos e obradoiros dirixidos ao público infantil e familiar entre as 16:00 e as 20:00 horas, contribuíndo a crear un ambiente lúdico no centro da vila. Pola súa banda, a animación musical chegará da man da Charanga BB+, que percorrerá a feira e as rúas do casco urbano entre as 11:00 e as 14:00 horas. Xa pola tarde-noite, ás 19:30 horas, a Rondalla Moraima e as Pandeireteiras de Montefurado visitarán os establecementos hostaleiros participantes, amenizando o ambiente e contribuíndo á dinamización dos locais.
A programación do día 8 culminará co sorteo dun iPhone 16, que terá lugar de forma presencial na Praza de Galiza ás 20:30 horas. Entrarán neste sorteo todas aquelas persoas que, durante os días da campaña, realicen compras ou consumicións superiores a 5 euros nos establecementos adheridos e depositen previamente o seu boleto nas urnas habilitadas en cada local.
Publicidade
As bases completas do Día do Comercio Local poden consultarse na páxina web do Concello de Arzúa: www.arzua.gal
A concelleira Begoña Balado subliñou que, “dende o Concello, queremos darlle continuidade e máis pulo ao Día do Comercio Local, incrementando o orzamento e incorporando novas propostas arredor desta celebración”. Ademais, avanzou que o Goberno local está a traballar en “novas accións de dinamización comercial e de apoio
ao comercio de proximidade, que se desenvolverán tanto durante o Nadal como ao longo do vindeiro ano 2026”.
Publicidade
Balado aproveitou tamén para agradecer a destacada implicación do tecido comercial e hostaleiro, recollendo as súas achegas e suxestións co obxectivo de seguir mellorando esta iniciativa en futuras edicións e reforzando o papel do comercio local e da hostalaría como motores económico de Arzúa.








Comentarios