Arzúa porá o nome do gaiteiro Xulio Vázquez Carril á Casa da Cultura
- Laura Moure

- hace 13 horas
- 2 Min. de lectura
A iniciativa, presentada polo BNG, contou co apoio unánime da Corporación municipal
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa aprobou no pleno municipal a denominación da Casa da Cultura como Casa da Cultura Xulio Vázquez Carril – O Gaiteiro de San Miguel, en recoñecemento á súa traxectoria vital e á súa achega á música tradicional galega. A iniciativa, presentada polo grupo do BNG, recolle tamén a celebración dun acto público de homenaxe na primavera, e contou co apoio unánime de todos os grupos da Corporación.

Xulio Vázquez Carril, veciño da parroquia de Maroxo, foi un dos músicos tradicionais máis emblemáticos do concello e un referente da cultura popular galega. Ao longo da súa vida participou en innumerábeis romarías, foliadas, festas populares e actos culturais, destacando polo seu compromiso coa transmisión oral da música tradicional e coa defensa da gaita galega como elemento central da identidade cultural do país. Faleceu en abril de 2025 aos 88 anos, deixando unha fonda pegada no tecido cultural de Arzúa e da comarca.
Publicidade
Coa aprobación desta iniciativa, o Concello de Arzúa recoñece institucionalmente a figura dunha persoa que contribuíu de maneira decisiva á conservación e difusión do patrimonio cultural inmaterial. Trátase dun recoñecemento público a unha vida dedicada á música tradicional e á súa transmisión no concello. Un labor que tivo repercusión en toda Galicia.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

A aprobación da iniciativa inclúe tamén o inicio dos trámites administrativos necesarios para a modificación oficial da denominación do edificio, coa correspondente actualización da sinalización e da documentación municipal.
Publicidade
O Concello de Arzúa ultima xa os detalles do acto público de homenaxe que se celebrará na primavera, no que participarán familiares, colectivos culturais e músicos e músicas de toda Galiza, e no que se descubrirá unha placa conmemorativa coa nova denominación da Casa da Cultura.








Comentarios