top of page

Arzúa organizou unha reunión coa Ruta Europea do Queixo para presentar o proxecto ás queixerías locais

O obxectivo do encontro foi explicar o funcionamento da AREQ e presentar os proxectos e oportunidades de colaboración


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa celebrou unha reunión informativa coa Asociación Ruta Europea del Queso (AREQ), tras a súa recente adhesión a esta rede europea que conecta territorios con tradición queixeira. O obxectivo do encontro foi explicar o funcionamento da AREQ e presentar os proxectos e oportunidades de colaboración que ofrece tanto para o municipio como para as queixerías locais.

ree

A xuntanza, celebrada na Casa do Concello, contou coa presenza do secretario técnico da AREQ, Javier Sánchez, quen explicou a dinámica de traballo da asociación e presentou o calendario de feiras de 2026, así como varias iniciativas en marcha, entre elas o proxecto “Queixo Creativo” en museos e centros de interpretación, o programa de recuperación de razas autóctonas en perigo de extinción e a publicación dunha revista semestral en formato papel e dixital coa participación dos socios.


Tamén se abordaron as vantaxes que ofrece a rede para os concellos asociados, como condicións preferentes para participar en feiras, a creación dunha imaxe corporativa común, o desenvolvemento de produtos de merchandising compartido e o acceso a axudas e convocatorias de ámbito estatal e europeo.


Na reunión participaron representantes do Concello e das queixerías do municipio: Queixería Barral (Juan Barral), Casa Donicio (Xoel Camino e Jennifer Montañés), Galmesano (Carmela Cano) e Verbas (Xosé Luís Fernández). O Concello estivo representado por Daniel Moscoso, terceiro tenente de alcalde, e por Ramón Roldán, coordinador e responsable de relacións públicas da Festa do Queixo.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Daniel Moscoso destacou que “esta reunión serviu para explicar o funcionamento da Ruta Europea do Queixo e poñer en común as oportunidades que se abren para Arzúa e para as súas queixerías a través desta nova  adhesión”.


Tras este primeiro encontro, o Concello impulsará a creación dun grupo de traballo coas queixerías locais para coordinar a súa participación conxunta na AREQ e desenvolver proxectos comúns que reforcen a promoción do queixo de Arzúa a nivel internacional. Coa súa adhesión á Ruta Europea do Queixo, Arzúa dá un novo paso na promoción do municipio, da Festa do Queixo e do seu produto máis emblemático, consolidando a súa presenza no panorama europeo do queixo e reafirmando o seu papel como referente galego na cultura e na tradición queixeira.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page