Arzúa ofrece a segunda das excursións do programa 'Coñece o teu país' que será o 25 de xullo a Monforte
- Laura Moure

- 21 jul
- 1 min de lectura
É necesario inscribirse porque as prazas son limitadas
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa da apertura do prazo de inscrición para a segunda das excursións do programa Coñece o teu país deste ano. Un ano máis, de maneira totalmente gratuíta, as veciñas e veciños poden realizar catro excursións ás catro provincias galegas. Despois de coñecer máis de preto a localidade de Tui no pasado mes de xuño, a segunda viaxe será este sábado día 25 de xullo a Monforte de Lemos.

Nesta ocasión farase unha visita guiada con acompañamento de guía oficial ao Colexio de Nosa Señora da Antiga, fundado no ano 1913. O edificio é de estilo renacentista, a fachada está realizada en granito do país e mide 110 metros. É coñecido como O Escorial galego.
PUBLICIDADE
O interior conserva obras moi interesantes e un claustro de estilo dórico-romano. A igrexa é de estilo xesuítico e está inspirada no Gesú de Roma. O día completarase cunha parada no fermoso campo da feira de O Páramo, cun xantar e con tempo libre en Monforte.
PUBLICIDADE
Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deben achegarse persoalmente á Oficina de Cultura e Deportes a partir de hoxe martes, 21 de xullo, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas.








Comentarios