Arzúa mobiliza 400.000 euros para mellorar pistas, ampliar o saneamento e rehabilitar a Casa Lagoeiro
- Laura Moure

- hace 1 día
- 2 min de lectura
Tres das obras serán adxudicadas nos vindeiros días, mentres que a Casa Lagoeiro será rehabilitada como vivenda de emerxencia social
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa destinará 398.214,94 euros a catro obras promovidas desde a área municipal de Obras, da que é responsable o alcalde, Xoán Xesús Carril. Os investimentos permitirán mellorar dúas pistas das parroquias, ampliar a rede de saneamento no Camiño da Empegada e rehabilitar a Casa Lagoeiro para destinala a vivenda de emerxencia social.

Nos vindeiros días serán adxudicadas as obras das dúas pistas e da ampliación do saneamento. No caso da Casa Lagoeiro, aprobarase o expediente de contratación e abrirase o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.
A actuación de maior investimento corresponde á pista que comunica Sisto e Salmonte, na parroquia de Pantiñobre, cun orzamento de 166.875,94 euros. Os traballos inclúen a renovación do firme con novo aglomerado, a reparación das zonas máis deterioradas, a limpeza das gabias para facilitar a saída da auga e o pintado da sinalización horizontal. Tamén se instalará un tramo de barreira de seguridade.
PUBLICIDADE
Na pista que une Santa María coa igrexa de San Salvador investiranse 56.508,21 euros. A obra permitirá repoñer o pavimento, reparar os puntos en peor estado, limpar as gabias e renovar a sinalización horizontal.
As dúas intervencións mellorarán a seguridade e as condicións de circulación en pistas utilizadas a diario pola veciñanza das parroquias.
PUBLICIDADE
O Concello destinará 84.955,18 euros á ampliación da rede municipal de saneamento no Camiño da Empegada. A obra permitirá levar este servizo á zona mediante a instalación de novas tubaxes, pozos de rexistro e un sistema de bombeo que conectará coa rede xa existente.
A rehabilitación da Casa Lagoeiro contará cun investimento de 89.875,61 euros. O inmoble será acondicionado para o seu uso como vivenda de emerxencia social, destinada a dar unha resposta temporal a persoas ou familias que atravesen unha situación de especial necesidade.
PUBLICIDADE
Coa aprobación do expediente de contratación iniciarase o proceso para seleccionar a empresa que executará as obras. “Cada unha destas obras responde a unha necesidade concreta: arranxar pistas utilizadas todos os días, levar o saneamento a unha nova zona e contar cunha vivenda municipal para atender situacións de emerxencia social. Son investimentos que se traducirán en melloras directas para a veciñanza”, sinala o alcalde e responsable da área de Obras, Xoán Xesús Carril.









Comentarios