top of page

Arzúa mellorará a cobertura móbil coa instalación dunha antena 5G en Dodro

A nova infraestrutura permitirá acabar cos problemas de conectividade na zona noroeste do municipio, unha das máis afectadas pola falta de servizo


Laura Moure/Arzúa

O rural arzuán dará un paso importante cara á plena conectividade. A parroquia de Dodro é o lugar escollido para a instalación dunha antena de telefonía móbil 5G que mellora de maneira notable a cobertura na zona noroeste do concello, onde a veciñanza viña sufrindo desde hai anos cortes e deficiencias no servizo.

A instalación, financiada con fondos europeos NextGenerationEU dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, permitirá dotar ao territorio dun servizo de comunicacións máis moderno, estable e rápido. Segundo explicou o alcalde, Xoán Xesús Carril, “esta nova antena responde a unha necesidade histórica da veciñanza. O acceso ás telecomunicacións é hoxe un dereito básico, e garantir ese acceso tamén no rural é imprescindible para acadarmos unha maior cohesión territorial e para garantirmos os mesmos dereitos en todas as parroquias que conformamos o Concello de Arzúa”.


Un avance tras a chegada da fibra óptica

Nos últimos anos, o Concello impulsou o despregue da fibra óptica en practicamente todo o termo municipal, pero en determinadas parroquias persistían zonas sen cobertura suficiente. “A fibra foi un gran avance, pero non chegaba a todas partes. Esta antena vén completar ese esforzo e poñer fin a un illamento que durante demasiado tempo afectou a moitas familias e pequenos negocios”, engadiu Carril.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

As obras para a instalación da estación comezarán de inmediato, e a previsión é que quede operativa en febreiro de 2026. A execución correrá a cargo da empresa adxudicataria no marco do plan de despregue de redes móbiles no territorio.


O alcalde concluíu lembrando que “o acceso á comunicación non debe ser un luxo ao alcance duns poucos, xa que é un dereito básico hoxe en día. E desde o Concello seguiremos traballando e mellorando en infraestruturas que axuden a que Arzúa avance, para que ninguén quede atrás”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page