top of page

Arzúa involucra a máis de 500 escolares coa celebración do Día da Infancia en horario lectivo

Poderán participar de balde nas actuacións que se celebrarán na Casa da Cultura a vindeira semana


Laura Moure/Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa programa o Día da Infancia con motivo da conmemoración do Día Internacional dos Dereitos da Nena e do Neno o 20 de novembro con espectáculos para escolares en horario lectivo. Trátase dun conxunto de espectáculos nos que se traballan diversos temas como a igualdade, o fomento do uso da lingua galega e a amizade. Os nenos, nenas, mozos e mozas dos centros educativos de Arzúa poderán participar de balde nas actuacións que se celebrarán na Casa da Cultura a vindeira semana.


A primeira sesión será o luns, día 17, para o alumnado de Educación Infantil que poderá gozar dunha actuación teatral a cargo da compañía Redrum Teatro co seu espectáculo Os contos do lobicán, un espectáculo de monicreques musical que busca darlle a volta aos contos clásicos ao tempo que transmite unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación. O marabilloso texto de Eva Mejuto foi gañador do XV Premio Barriga Verde no ano 2022.

O martes día 18 será a quenda para o alumnado de 1º, 2º e 3º curso de Educación Primaria que participará no espectáculo A biblioteca galáctica contra a IA fantástica de Tanxarina Teatro cunha adaptación teatral da novela de Carlos Labraña, un canto á amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e a fantasía.


Outra proposta destinada aos escolares de 4º, 5º e 6º de Primaria terá lugar o mércores 19. Será a quenda para Pequeno Kabaret de tolos a cargo Títeres Alakrán. O actor e titiriteiro Borxa Insua dará vida a grandes estrelas do mundo da música como Jimmy Hendrix, Camarón de la Isla, un breakdancer sen papeis, o esquelete de Nina Hagen ou Montserrat Caballé.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

O xoves 20, os mozos e mozas de 1º e 2º da ESO asistirán a unha función de Axudádeme a cantar con Felisa Segade e Montse Rivera, fundadoras de Leilía, primeiro grupo que dá protagonismo á voz e á pandeireta nun escenario. Xuntas afondarán neste espectáculo de canto, palabra e toque, no porqué destas cantigas, a súa creación, os momentos en que se cantaban, o papel que xogaban no día a día das nosas antepasadas e na actualidade.

E, por último, o alumnado de 3º e 4º da ESO asitirá a unha conferencia-espectáculo participativa e visual que anima a falar e gozar da nosa lingua. Titúlase GPA. Galego para adolescentes e será conducida por Avelino González que tratará de involucrar ao público nunha sesión de optimismo lingüístico.


O Concelleiro de Cultura, José Luís García, destaca a importancia deste programa que “asegura a participación de todas as nenas e nenos do municipio dando acceso así á cultura desde a infancia nunha iniciativa á que acudirán máis de 500 escolares”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page