Arzúa impulsa “Camiños, lendas e memoria”, un paseo pola historia da vila que une distintas xeracións
- Laura Moure

- hace 5 minutos
- 2 Min. de lectura
Iniciativa da Concellería de Turismo, participarán o CEIP de Arzúa, o Plurilingüe Nosa Señora do Rosario, a EFA Piñeiral, Amarai e persoas usuarias da Residencia San José
Laura Moure/Arzúa
A Concellería de Turismo do Arzúa, dirixida por Begoña Balado, impulsa o proxecto “Camiños, lendas e memoria. Un paseo pola historia da nosa vila”, unha proposta de divulgación histórica e turística que se desenvolverá a través dun percorrido guiado polo casco urbano, concebido para achegar á cidadanía o coñecemento da historia local dun xeito próximo e accesible.

A actividade terá lugar os días 25, 26 e 27 de marzo e contará coa participación do CEIP de Arzúa, o CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario, a EFA Piñeiral, a Asociación de
Persoas con Discapacidade e Apoio á Integración das Comarcas de Arzúa e Terra de
Melide “Amarai” e persoas usuarias da Residencia San José, reunindo públicos de distintas idades e perfís arredor dunha experiencia compartida vinculada á vila.
Publicidade
O percorrido inclúe a visita a algúns dos espazos e elementos máis representativos do casco urbano de Arzúa, como a escultura do Peregrino, a Capela da Madanela, a Praza de
Galiza, a escultura dos bois, a Queixeira, a igrexa de Santiago, a Casa Reitoral de Santiago, a Fonte do Ovo, o edificio do Concello de Arzúa, así como inmobles singulares
como A Esquina e o Café Teatro. O itinerario complétase con referencias á escultura do
Emigrante, á figura de Ana Kiro, ao mural de Lidia Cao e á lenda do Peregrino.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Ao longo do paseo, ofrecerase unha explicación contextualizada da historia da vila, da súa
evolución urbana e social, da toponimia e dos símbolos municipais, así como das lendas e
relatos que forman parte da memoria colectiva de Arzúa. O proxecto está pensado para que as persoas participantes poidan descubrir aspectos da historia local que descoñecían e, ao mesmo tempo, recoñecer espazos, feitos e relatos que forman parte da memoria da
vila.
A concelleira de Turismo, Begoña Balado, sinala que “‘Camiños, lendas e memoria’ é un
proxecto pensado para públicos moi diversos, no que participan centros educativos, entidades sociais e persoas maiores do municipio”. Engade que “con esta iniciativa queremos achegar á cidadanía a historia de Arzúa a través dos seus espazos, das súas lendas e da memoria que permanece na vila, ofrecendo unha oportunidade para coñecer e recoñecer o que fomos e o que somos hoxe, nun percorrido explicado e contextualizado por un guía turístico”.
Publicidade
Con este proxecto, Arzúa continúa a apostar por accións que permiten coñecer, comprender e poñer en valor a historia local, a través dun paseo que une camiños, lendas e memoria.








Comentarios