top of page

Arzúa creará unha praza de persoal municipal para continuar co servizo de Educación Familiar

A Concellería de Servizos Sociais xa mantivo as primeiras reunións e está a realizar os trámites necesarios ante o remate en setembro do programa actual, que non pode prorrogarse


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa avanza na creación dunha praza municipal vinculada ao servizo de Educación Familiar, co obxectivo de garantir a continuidade dunha atención que actualmente se presta a través dun programa temporal con data de finalización no mes de setembro.

José Luis García, edil de Servizos Sociais de Arzúa.
José Luis García, edil de Servizos Sociais de Arzúa.

A Concellería de Servizos Sociais leva meses traballando neste proceso e xa mantivo as primeiras reunións para abordar a creación desta praza dentro da Relación de Postos de Traballo. Ademais, estanse a realizar os trámites administrativos necesarios para que as familias poidan seguir contando con este acompañamento máis alá do programa actual.

O programa vixente remata en setembro de 2026, de acordo coas condicións da convocatoria, que non permiten a súa prórroga. O coñecemento por parte dalgunhas familias usuarias desta data de finalización xerou diversas consultas sobre a continuidade do servizo.


Neste sentido, o concelleiro de Servizos Sociais, José Luis García, quixo trasladar ás familias usuarias unha mensaxe de tranquilidade. O Concello fai unha valoración positiva deste servizo e considera necesaria a súa continuidade.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Por iso, o remate do programa actual non supón a desaparición da Educación Familiar. Os procedementos administrativos necesarios para a creación da praza non poñerán en risco, en ningún caso, a continuidade da atención ás familias. “Falamos dun servizo necesario, que acompaña moitos fogares e que forma parte do traballo diario dos Servizos Sociais. Estamos traballando con previsión, para que esta atención poida continuar máis alá do programa actual”, sinala García.


O concelleiro explica que a prioridade do goberno municipal é garantir a continuidade deste acompañamento ás familias, respectando ao mesmo tempo os prazos e procedementos administrativos que require o proceso. “O programa actual ten data de finalización, pero iso non significa que se vaia perder o servizo. Os trámites administrativos non van poñer en risco a continuidade da Educación Familiar”, afirma.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

“Entendemos que as familias poidan preocuparse ao saber que remata un programa que naceu como temporal. Pero precisamente coa creación desta praza municipal reforzamos este servizo público, acabamos coa súa temporalidade e garantimos a continuidade da Educación Familiar no tempo”, conclúe José Luis García. 


O Concello continuará informando dos avances deste proceso a través das canles oficiais municipais.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page