Arzúa convoca unha reunión para explicar as axudas a actividades culturais, deportivas e educativas
- Laura Moure
- hace 12 horas
- 2 Min. de lectura
As bases xa están dispoñibles e o prazo de solicitude permanecerá aberto desde hoxe, 17 de xullo, ata o 14 de agosto
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa convocou unha reunión co tecido asociativo do municipio para explicar en detalle a nova convocatoria de subvencións municipais dirixidas ao desenvolvemento de actividades culturais, deportivas e educativas. O encontro celebrarase o martes 22 de xullo ás 20:30 horas, na antiga Casa de Correos.
As axudas, formuladas en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas a asociacións legalmente constituídas, centros educativos e ANPAS. As solicitudes deberán tramitarse a través da sede electrónica do Concello, e o prazo permanecerá aberto ata o 14 de agosto.

A convocatoria, publicada esta semana no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, distribúese en tres liñas de actuación:
Actividades culturais : 17.000 euros
Actividades deportivas : 34.000 euros
Actividades educativas : 18.000 euros
Unha das principais novidades desta edición é que se permitirá xustificar actividades realizadas ao longo do ano 2024, co obxectivo de paliar os efectos da ausencia de convocatoria nos dous exercicios anteriores. Para facelo posíbel, o Concello aprobou un reforzo orzamentario que duplica na práctica os fondos dispoñibles respecto a anos anteriores.
Desde o executivo municipal recoñecen que a falta de convocatoria en 2023 e 2024 foi un erro que cómpre asumir. “Non se trata unicamente de reactivar esta liña de financiamento para o tecido asociativo, senón de corrixir os erros e mellorar a convocatoria, tanto en accesibilidade como en transparencia e xustiza no reparto dos fondos”, sinala o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril.
Publicidade
“Sabemos do esforzo que fixeron as entidades nestes anos, mantendo actividades culturais, educativas e deportivas con poucos recursos e moita vontade. Por iso era prioritario recuperar estas subvencións e melloralas”, engade.
Carril destaca que a reunión convocada busca ir máis alá dunha simple presentación técnica. “Queremos escoitar ás entidades, resolver dúbidas e establecer un diálogo directo que mellore a relación entre o Concello e o tecido asociativo. As subvencións teñen que estar ao servizo do común, e iso implica recoñecer o traballo feito, asumir o que se fixo mal e adoptar compromisos que lle devolvan tranquilidade e estabilidade ás asociacións de Arzúa. Coa reunión deste martes queremos renovar ese compromiso”.
Publicidade
As bases reguladoras están dispoñibles na web municipal, onde se recollen os requisitos, a documentación necesaria e os criterios de valoración. O Concello anima ás entidades a participar activamente no proceso e a asistir á reunión, que ten como obxectivo facilitar a tramitación e garantir o acceso en igualdade de condicións.
Comentarios