Arzúa convoca o Concurso de disfraces do Entroido 2026
- Laura Moure

- hace 9 horas
- 2 Min. de lectura
Repartirá máis de 2.000 euros en premios
Laura Moure/Arzúa
Con motivo do Entroido 2026 o Departamento de Cultura do Concello de Arzúa convoca un ano máis o tradicional concurso de disfraces que se celebrará o sábado 7 de febreiro ás 17:00 horas no Multiusos Terra do Queixo con máis de 2.000 euros en premios para repartir entre catro categorías.

Despois do éxito de anos anteriores no que se seguen aumentando as cifras de participantes chegados de distintos puntos de Galicia, este ano mantense a distribución das diferentes categorías e o formato no que se levou a cabo o concurso en edicións pasadas. Poderanse presentar, polo tanto, comparsas dun mínimo de nove compoñentes optando a premios de 550, 300 e 150 euros. Haberá un apartado de grupos de entre dúas e oito persoas con tres premios que ascenden a 300, 200 e 120 euros. Por último, establécense dúas categorías individuais, unha infantil de 0 a 17 anos e outra para adultos de 18 anos en diante. Os premios son de 120 e 80 euros para os primeiros e segundos postos, respectivamente de cada modalidade.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Co fin de fomentar a participación local, mantense tamén o premio Simpatía dotado de 100 euros dirixido a unha comparsa ou grupo do municipio que non acadara ningún dos premios anteriores e que sume a maior puntuación no apartado simpatía da valoración do xurado.
Ademais, o concurso celebrarase de novo co público sentado e cos participantes facendo a súa intervención sobre escenario nunha gala que contará coa actuación do alumnado das escolas municipais de Danza moderna.
Publicidade
Para participar no concurso hai que inscribirse previamente no Departamento de Cultura ou chamando ao 981 500 222 tendo de prazo ata o 5 de febreiro, en horario de 8:30 a 14:00 horas. Pódense consultar as bases que rexen o concurso na páxina web arzua.gal
Publicidade
A programación completarase coa celebración do tradicional Baile da tarde do martes de Entroido e con outras actividades que serán desveladas nos vindeiros días.








Comentarios