Arzúa converterase no epicentro das grandes oportunidades coa 2ª Feira de Stocks e Artesanía
- Laura Moure

- hace 26 minutos
- 2 Min. de lectura
A cita será o 28 e 29 de marzo
Laura Moure/Arzúa
O comercio de proximidade de Arzúa prepárase para vivir unha das súas grandes citas do
ano. A Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (AECA) celebrará os vindeiros 28 e 29 de marzo a II Feira de Stocks e Artesanía, un evento que converterá o Multiusos Terra do Queixo nun gran escaparate colectivo con descontos de ata o 70%, propostas para todos os públicos e unha completa programación de lecer. A cita foi presentada oficialmente este martes no propio Multiusos Terra do Queixo nun acto que contou coa presenza de comerciantes do Centro Comercial Aberto de Arzúa integrados en AECA e a xerencia da entidade organizadora, quen destacou o papel estratéxico da feira como ferramenta de dinamización económica, impulso do consumo local e fortalecemento da imaxe conxunta do centro comercial aberto arzuán.

Un gran outlet multisectorial con identidade propia
Durante dúas xornadas, en horario continuo de 11:00 a 20:30 horas, o recinto feiral reunirá a 18 expositores locais que ofrecerán produtos de distintos sectores a prezos moi competitivos. A moda —con especial presenza de téxtil e calzado— será un dos principais reclamos, xunto con propostas de Artesanía de Galicia e Artesanía Alimentaria, complementos elaborados con materiais reciclados, libros, xoguetes, artigos de bazar, decoración e outras alternativas pensadas para todos os públicos.
A feira nace cun dobre obxectivo: facilitar aos establecementos a liquidación de stock e a obtención de liquidez antes da próxima tempada, ao tempo que ofrecer á clientela auténticas oportunidades de compra nun único espazo, cómodo e accesible.
Publicidade
Compras, lecer e experiencias para toda a familia
A II Feira de Stocks e Artesanía vai máis alá do ámbito estritamente comercial e AECA aposta por unha experiencia completa. O evento contará cun espazo de ocio infantil permanente dinamizado por Biosbardos Animación, con xogos e obradoiros que permitirán ás familias realizar as súas compras con comodidade.
A programación incluirá:
• Música en directo cunha sesión de tardeo a cargo do Dúo Attic o sábado.
• Vermú literario o domingo a mediodía coa presentación da última obra do escritor Manuel Portas e unha cata de produtos locais; coa colaboración de Queixería Barral e Bodegas Lodeiros.
• Espectáculo de maxia para todos os públicos o domingo a partires das 18:30 horas da man do Mago Rafa.
Como peche do evento, celebrarase un sorteo de 300 euros en vales de compra, un incentivo que premiará a fidelidade da clientela e reforzará o impacto económico da feira.
PUBLICIDADE
Ademais, o recinto contará co posto da Churrería Camporrapado e co servizo de Bar O Chiringuito, configurando un espazo pensado tamén para o encontro social e o “terraceo”.
Unha aposta firme pola dinamización comercial
Organizada pola Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (AECA), a feira conta coa colaboración do Concello de Arzúa e está cofinanciada pola Xunta de Galicia para a dinamización do Centro Comercial Aberto de Arzúa. Coa combinación de grandes descontos, programación cultural, experiencias gastronómicas e actividades familiares, a II
Feira de Stocks e Artesanía consolídase como unha das citas comerciais máis relevantes da primavera na comarca, reforzando a imaxe de Arzúa como vila activa, dinámica e comprometida co seu comercio de proximidade.








Comentarios