Arzúa continúa a recuperación da área recreativade Ribadiso co obxectivo de habilitar o baño
- Laura Moure

- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
Técnicos de Augas de Galicia visitan a zona xunto á concelleira de Turismo, Begoña Balado, para avaliar sobre o terreo as actuacións necesarias no río Iso e no seu entorno
Laura Moure/Arzúa
A Concellería de Turismo do Concello de Arzúa, dirixida por Begoña Balado, continúa avanzando na recuperación da área recreativa de Ribadiso co obxectivo de habilitar este espazo para o baño. Neste marco, técnicos de Augas de Galicia desprazáronse recentemente ata a zona para manter unha reunión de traballo in situ coa responsable
municipal e analizar sobre o terreo as actuacións necesarias.

O encontro incluíu unha visita conxunta á contorna que permitiu valorar as intervencións que sería preciso realizar no río Iso para poñer en valor este espazo natural, de gran importancia para a veciñanza de Arzúa, para a comarca e para os peregrinos que percorren o Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio. Neste sentido, a colaboración entre o Concello e Augas de Galicia resulta clave para definir as actuacións que afectan directamente ao leito e ás marxes do río.
A área recreativa de Ribadiso, situada entre a estrada N-547 e o Camiño de Santiago, conta cunha praia fluvial con illotes conectados por pasarelas de madeira, pistas multideporte, parque infantil, parque biosaudable, merendeiro e cantina. Ademais, constitúe un dos puntos de referencia da ruta circular de sendeirismo “Val do Iso”. Porén, o paso do tempo, o uso intensivo durante os meses de verán e os asolagamentos provocados polas enchentas do río Iso deterioraron notablemente as instalacións e o entorno natural.
Publicidade
Entre as actuacións propostas inclúense o acondicionamento e limpeza do leito do río coa
retirada de lodos, a limpeza selectiva das marxes respectando a vexetación de ribeira, a
retirada de árbores secas e plantación de novos exemplares, a reparación do muro de pedra existente e a substitución do azud de derivación, actualmente en estado deficitario.
Ademais, estúdase que as actuacións poidan executarse durante os meses de verán, cando o caudal do río é menor, co fin de facilitar os traballos e minimizar o impacto sobre o medio natural.
PUBLICIDADE
Balado destacou a “dispoñibilidade e colaboración” de Augas de Galicia para analizar as
propostas municipais e avanzar na tramitación necesaria que permita executar as actuacións “o máis axiña posible”. O obxectivo final é recuperar este espazo emblemático, mellorar a súa calidade ambiental e garantir condicións adecuadas para o baño e o lecer con seguridade de cara ás vindeiras tempadas estivais.
Coa posta en marcha deste proxecto, o Concello de Arzúa reafirma o seu compromiso coa
conservación do patrimonio natural e coa dinamización turística sostible do municipio.








Comentarios