top of page

Arzúa consolídase como escenario fotográfico cun encontro que reuniu participantes de toda Galicia

A iniciativa, organizada por Fotowalk Galicia e pola Concellería de Turismo de Arzúa, combinou formación, visita guiada e percorrido por enclaves naturais e patrimoniais


Laura Moure/Arzúa

Arzúa viviu este sábado unha destacada xornada arredor da fotografía e do descubrimento do territorio coa celebración dun encontro organizado pola comunidade creativa Fotowalk Galicia, impulsada por Sergio García, en colaboración coa Concellería de Turismo de Arzúa, dirixida por Begoña Balado. A cita reuniu participantes chegados desde distintos puntos de Galicia, consolidándose como unha proposta de gran acollida entre afeccionados e amantes da imaxe.


A actividade comezou cunha sesión formativa sobre fotografía de rúa, impartida por Joshua Ñañez na Casa de Correos, na que os asistentes puideron afondar en aspectos clave como a captura de momentos espontáneos, o uso da luz, a composición ou a importancia da narrativa visual.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A programación completouse cunha visita guiada polo casco histórico de Arzúa, que permitiu ás persoas participantes coñecer de preto a historia e o patrimonio da vila mentres

aplicaban os coñecementos adquiridos durante a charla inicial. A xornada continuou cun

percorrido por diferentes enclaves do concello, combinando natureza, etnografía e paisaxe en localizacións como o Castro Curbín, a aldea de Ribadiso, a Fervenza das Hortas, o encoro de Portodemouros, o Enredo do Abelleiro —Museo Vivente do Mel— e a capela da Fonte Santa.


A concelleira de Turismo, Begoña Balado, puxo en valor a excelente resposta da iniciativa e destacou que este tipo de propostas “contribúen a difundir Arzúa desde unha perspectiva atractiva e auténtica, unindo creatividade, patrimonio e territorio”. Ademais, subliñou que encontros como este permiten “compartir experiencias, xerar novas miradas sobre o concello e seguir situando Arzúa como un destino con moito que ofrecer durante todo o ano”.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Con esta iniciativa, Arzúa continúa consolidando a súa aposta por propostas que poñen en valor o seu patrimonio desde novas perspectivas, xerando novas miradas e contidos que amplían a súa proxección turística e cultural máis alá do propio territorio.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page