Arzúa conmemora o aniversario das Irmandades da Fala cun acto de homenaxe en Ribadiso
- Laura Moure

- 17 nov 2025
- 2 min de lectura
O evento consistiu no izado da bandeira galega
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa celebrou este sábado un acto de homenaxe ás Irmandades da Fala na Área Recreativa de Ribadiso, no marco da programación municipal do Ano Castelao. A conmemoración coincidiu co aniversario da I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo en novembro de 1918, un dos fitos fundamentais da historia contemporánea de Galiza.
O acto respondeu ao chamamento da plataforma cidadá Vía Galega, que promove esta iniciativa en diferentes concellos do país co obxectivo de poñer en valor os símbolos nacionais e divulgar a historia colectiva galega. A elección da data recupera o significado da I Asemblea das Irmandades da Fala, un movemento popular que transformou a percepción da sociedade galega sobre a súa lingua, a súa cultura e a súa identidade. O Concello de Arzúa sumouse a esta iniciativa, da que tamén formaron parte numerosos concellos de toda Galicia.

O evento consistiu no izado da bandeira galega con intervención do Alcalde, Xoán Xesús Carril, e na lectura do manifesto elaborado pola Plataforma Social Vía Galega, realizada por Andreea Birsanu, veciña de Arzúa, chegada desde Romanía con súa familia hai vinte anos. A súa intervención lembrou que o galego é unha lingua aberta e accesible, capaz de integrar persoas con traxectorias e experiencias diversas. O seu exemplo amosa que, cando a lingua conta co espazo e o recoñecemento que merece como parte esencial da cultura dun pobo, convértese nun espazo de integración e cionstrución comunitaria.
Esta homenaxe enmarcouse na programación especial que a Área de Normalización Lingüística desenvolveu ao longo desta semana con motivo do 75 cabodano de Castelao, un dos membros máis destacados das Irmandades da Fala e participante na súa I Asemblea.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou que “este acto permítenos lembrar un dos capítulos máis relevantes da nosa historia contemporánea. As Irmandades da Fala transformaron a reivindicación cultural nun movemento popular que traballou por recoñecer a Galiza como nación e por defender o dereito a existir e expresarse en galego”.
Publicidade
Pola súa banda, a concelleira de Lingua, Lucía López, subliñou que: “As Irmandades da Fala están máis de actualidade ca nunca. Foron quen de reivindicar o dereito do pobo galego a expresarse na súa lingua nun tempo no que iso supuña un acto de valentía.
Delas aprendemos que somos un pobo teimudo, con lingua e identidade propias, e que non debemos renunciar a elas por moi desfavorable que sexa o contexto. Fixeron posible que hoxe o galego sexa unha lingua de prestixio, reivindicando o noso pasado, pero tamén formulando propostas que lle garantira un futuro.
Publicidade
Esta é unha homenaxe para coñecer mellor de onde vimos e para que a aprendizaxe e a experiencia das Irmandades nos sirvan de exemplo e inspiración para seguir avanzando como pobo, sen poñernos teitos ao noso futuro.”
VÍDEO DO ACTO: https://www.facebook.com/reel/865304709267679








Comentarios