Arzúa + Concilia volverá polo Entroido para facilitar a conciliación das familias
- Laura Moure

- hace 3 días
- 2 Min. de lectura
Xa está aberto o prazo de inscrición ata o 7 de febreiro
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa volverá poñer en marcha o servizo municipal de conciliación Arzúa + Concilia coincidindo co Entroido, co obxectivo de apoiar ás familias durante este período non lectivo.A quenda de Entroido do programa desenvolverase os días luns 16 e mércores 18 de febreiro, coincidindo cos días laborais non lectivos deste período. O martes 17 de febreiro, coincidindo co martes de Entroido, será festivo local en Arzúa.

O servizo está dirixido a crianzas nadas entre os anos 2013 e 2022, escolarizadas en Educación Infantil ou Primaria, e desenvolverase en horario de mañá. O horario ordinario será de 10:00 a 14:00 horas, cun servizo de entrada flexible ás 8:30, 9:00 ou 9:30 horas, así como saída ata as 14:30 horas, co fin de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O Concello de Arzúa oferta un total de 35 prazas para esta quenda de Entroido. O prezo do servizo será de 5 euros por crianza para o conxunto da actividade.O prazo de inscrición permanecerá aberto dende o 29 de xaneiro ao 7 de febreiro, ambos incluídos. As solicitudes poderán presentarse a través da Sede electrónica do Concello de Arzúa ou no Rexistro municipal, así como por calquera das canles previstas na lexislación vixente.
Publicidade
A concelleira de Igualdade, Lucía López, destacou que “esta é a terceira quenda desde que puxemos en marcha este servizo de conciliación. Trátase dunha quenda curta, pero moi necesaria”. López subliñou que “Arzúa + Concilia naceu co obxectivo de que as familias de Arzúa se sentiran tranquilas e seguras, sabendo que non terían que seguir facendo malabares para conciliar, sexa cal for o período do ano”. A concelleira engadiu que “agardamos que se cubran todas as prazas, pois este é un servizo de conciliación que tamén ten en conta as necesidades pedagóxicas e de xogo das crianzas, polo que é un espazo moi positivo para desfrutar do Entroido en compañía, sen renunciar ao tempo de lecer e descanso que merece a infancia”.
Publicidade
As bases completas do servizo, cos requisitos, criterios de admisión e documentación necesaria, poden consultarse na páxina web municipal e no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello.








Comentarios