top of page

Arzúa celebrará o 8 de decembro unha gran festa do comercio local coincidindo coa feira quincenal

hace 9 minutos
3 min de lectura

O Concello impulsa unha xornada que encherá a vila de promocións, actividades e animación para fomentar as compras e apoiar o comercio e a hostalaría do municipio


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa, a través da Concellaría de Turismo, Promoción Económica e Acción Urbana, que dirixe Begoña Balado, prepara unha nova edición do Día do Comercio Local, que se celebrará o vindeiro martes 8 de decembro, coincidindo coa tradicional feira quincenal e en plena campaña de compras de Nadal. A iniciativa, que alcanza este ano a súa 14ª edición, busca converter Arzúa nun punto de encontro para veciños, veciñas e visitantes, combinando a actividade comercial habitual cunha programación especial de promocións, actividades e animación nas rúas.

A coincidencia coa feira quincenal supón un atractivo engadido para esta celebración, ao tratarse dunha das citas que maior movemento de persoas xera na vila. Deste xeito, o Concello pretende aproveitar a afluencia de público para dar visibilidade aos negocios locais, incentivar as compras nos establecementos de proximidade e reforzar o papel do comercio e da hostalaría como motores da economía municipal.


A concelleira de Promoción Económica, Begoña Balado, destaca a importancia de continuar apostando por iniciativas que contribúan a fortalecer o tecido económico de Arzúa. "Queremos que o 8 de decembro sexa unha xornada para saír á rúa, gozar da nosa vila e, sobre todo, apoiar os negocios que forman parte do noso día a día. O comercio local non só xera emprego e actividade económica, senón que tamén dá vida ás nosas rúas e contribúe a facer de Arzúa unha vila dinámica e acolledora", sinala Balado.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Promocións, actividades e ambiente festivo para todos os públicos

Durante a xornada, os establecementos participantes poderán ofrecer descontos especiais, sorteos, vales de compra, agasallos e outras iniciativas comerciais destinadas a premiar a fidelidade da clientela e atraer novos consumidores.


A programación completarase con actividades de dinamización e animación de rúa, co propósito de crear un ambiente festivo e familiar que convide a percorrer a vila, descubrir a oferta comercial e gozar dunha xornada diferente.


A hostalaría tamén terá un papel destacado nesta celebración, coa vontade de implicar bares, restaurantes e cafeterías nunha proposta conxunta que permita poñer en valor a gastronomía local e os produtos de calidade da comarca.


Para Begoña Balado, a colaboración dos diferentes sectores resulta fundamental para o éxito da convocatoria. "Arzúa conta cun comercio próximo, variado e de calidade, cunha atención personalizada que é un dos seus grandes valores. Queremos que esta xornada sirva tamén para lembrar que cada compra que facemos nos nosos establecementos é unha aposta polo emprego, pola economía local e polo futuro da nosa vila", subliña a concelleira.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Un chamamento á participación do comercio e da hostalaría

Desde o Concello de Arzúa animan a todos os establecementos comerciais e hostaleiros do municipio a sumarse a esta nova edición do Día do Comercio Local, inscribíndose ante do 10 de novembro info@turismoarzua.gal ou chamando ao 655 947 196, e achegando propostas e promocións que contribúan a facer da xornada unha celebración participativa e atractiva.


O departamento municipal de Turismo e Promoción Económica encargarase da coordinación e difusión da iniciativa, así como da elaboración de material promocional e da organización das actividades complementarias. "O noso obxectivo é que o comercio local sexa o verdadeiro protagonista deste día. Queremos seguir construíndo unha Arzúa viva, con negocios que teñan futuro e cunha veciñanza orgullosa de mercar e consumir na súa vila", engade Begoña Balado.


Coa celebración desta nova edición, o Concello reafirma o seu compromiso coa dinamización económica e coa promoción do consumo de proximidade, aproveitando unha data especialmente sinalada no calendario comercial e festivo.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page