top of page

Arzúa celebra o Samaín con cine e unha xincana que convida a descubrir o outono galego

O Concello organiza o visionado do documental “Buscando a Santa Compaña” e unha actividade participativa arredor das lendas e costumes do Samaín


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa celebra o Samaín con dúas propostas que combinan misterio, participación e memoria popular. O programa arrinca o sábado 25 de outubro, ás 19.00 horas na Capela da Madalena, coa proxección do documental “Buscando a Santa Compaña”, que contará coa presenza do director Fernando Cortizo e do compositor da banda sonora, Carlos Fernández García, veciño de Arzúa. Tras o visionado, haberá un coloquio aberto ao público sobre as lendas galegas e o seu papel na cultura actual.


O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, subliñou que “o Samaín é unha das festas máis nosas, un tempo para recoñecer o noso calendario propio, profundamente ligado aos ciclos agrarios e á tradición oral que nos une como pobo. A Santa Compaña é parte do noso imaxinario colectivo, e achegándonos a ela tamén nos achegamos ao que somos: un pobo cunha cultura propia que non esquece as súas raíces e que se sinte orgulloso das mesmas”.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O venres 31 de outubro, de 17:00 a 19:00 horas, o Samaín trasladarase ao parque Ana Kiro (antigo parque da feira) cunha proposta pensada para as crianzas: a xincana “A señora Calacú perdeu a súa luz”, dirixida a nenos e nenas de 8 a 12 anos.Nesta aventura, as familias axudarán á señora Calacú a atopar a súa luz resolvendo probas sobre o outono, as lendas e o simbolismo do Samaín.A actividade está concibida para ser vivida en familia, coa participación activa das persoas adultas acompañantes, que tamén forman parte do xogo e das dinámicas, reforzando así o carácter comunitario e educativo da proposta.


A concelleira de Normalización Lingüística, Lucía López, explicou que “o Samaín é unha celebración que, a pesar de ser censurada no seu día por formar parte de antigos rituais pagáns, sobreviviu grazas á cultura popular. É importante achegármonos a ela desde a nosa lingua, para comprender o seu simbolismo e o valor que ten como parte dunha tradición con séculos de historia, que segue a ter sentido no presente e forma parte esencial da nosa cultura popular”. Engadiu que “esta xincana é unha forma de aprender xogando e de achegar o galego ás familias dun xeito próximo e divertido, no que tamén as persoas adultas teñen un papel protagonista”.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

As prazas son limitadas e requiren inscrición previa no correo normalizacion.linguistica@concellodearzua.com ou no teléfono 981 500 000. En caso de mal tempo, a actividade trasladarase a un espazo interior.


Carril animou finalmente á veciñanza “a participar e celebrar o Samaín, colaborando a manter vivo o carácter popular da festa.”


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page