Arzúa amplía o programa de envellecemento activo a máis parroquias do municipio
Laura Moure/Arzúa
A Concellería de Benestar Social do Concello de Arzúa continúa coa súa aposta polo envellecemento activo entre a poboación maior das parroquias do municipio, ampliando a cobertura do programa que xa leva tempo en marcha. Ata agora, o programa beneficiaba a 11 parroquias e, a partir deste curso, incorpóranse catro novas: Brandeso, Rendal, San Martiño e San Estevo, sumando un total de 15 parroquias.
Esta ampliación busca reforzar o compromiso do Concello coas persoas maiores, especialmente en zonas rurais afectadas pola despoboación e polo progresivo envellecemento da poboación. O programa pretende fomentar unha vellez saudábel, autónoma e socialmente conectada, facilitando a participación activa e o benestar das persoas maiores.

Os obxectivos principais do programa inclúen:
Promover as relacións interpersoais e loitar contra a soidade non desexada en núcleos de poboación envellecidos.
Fortalecer o sentimento de pertenza á parroquia e ao municipio.
Fomentar un ocio san e saudábel adaptado ás persoas maiores.
Impulsar a integración social e aumentar a autoestima mediante a participación activa en actividades de lecer.
Mellorar as condicións físicas e psíquicas dos/as usuarios/as.
Potenciar as habilidades sociais creando un ambiente de convivencia positivo e enriquecedor.
Horarios das actividades de Envellecemento Activo por parroquias:
Luns
A Mella: 15:45 - 16:45
Villadavil: 17:00 - 18:00
Burres: 18:10 - 19:10
Martes
Dombodán: 15:45 - 16:45
Viños: 17:00 - 18:00
Brandeso: 18:10 - 19:10
Mércores
Boente: 15:45 - 16:45
Castañeda: 17:00 - 18:00
Rendal: 18:10 - 19:10
Xoves
Vilantime: 15:45 - 16:45
Lema: 17:00 - 18:00
Pantiñobre: 18:10 - 19:10
Venres
San Martiño: 15:45 - 16:45
San Estevo: 17:00 - 18:00
Oins: 18:10 - 19:10
Publicidade
O concelleiro de Benestar Social, José Luis García López, destacou :"Estamos moi satisfeitos de poder ampliar o programa a máis parroquias e achegar estas actividades a un maior número de persoas maiores. Esta continuidade e expansión reflicten o compromiso da concellaría de Benestar Social para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, fomentando a súa participación, saúde e benestar social."
A Concellería de Benestar Social anima a todas as persoas maiores interesadas a participar nas actividades, que darán comezo a partir do día 6 de outubro. Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á sede da Concellería de Benestar Social ou contactar a través dos teléfonos e canles habituais do Concello de Arzúa.








Comentarios