Arzúa amplía a oferta de formación dixital para maiores de 60 anos con novos cursos en maio e xuño
- Laura Moure

- hace 8 horas
- 2 Min. de lectura
Organizada por Cibervoluntarios en colaboración co Concello, busca acurtar a fenda dixital e mellorar a autonomía da veciñanza no uso do móbil, Internet e os servizos en liña
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa amplía a súa oferta de formación dixital para maiores de 60 anos con novos cursos presenciais na Aula CEMIT, que se desenvolverán durante o mes de maio e parte do mes de xuño.
A iniciativa, organizada por Cibervoluntarios en colaboración co Concello de Arzúa, botou a andar a finais de abril cun primeiro curso de iniciación ao mundo dixital. A boa acollida desta primeira formación fixo que se ampliase a proposta inicial e que se habilitasen dúas quendas para dar resposta á demanda rexistrada.

Esta oferta formativa está dirixida á veciñanza maior de 60 anos e non require experiencia previa. O obxectivo é que as persoas participantes poidan adquirir competencias básicas, resolver dúbidas habituais e gañar seguridade no uso do móbil, de Internet e das ferramentas dixitais que forman parte da vida diaria.
Dentro desta mesma iniciativa, esta semana completáronse tamén as prazas do curso que comezará o 18 de maio, centrado na banca dixital e nas compras seguras en liña. Con todo, aínda quedan prazas dispoñibles para as formacións que se desenvolverán a finais de maio e comezos de xuño.
PUBLICIDADE
A proposta responde á necesidade de acompañar a veciñanza nun contexto no que cada vez máis servizos, trámites e formas de comunicación se realizan a través de Internet. Deste xeito, contribúe a acurtar a fenda dixital e a garantir a igualdade no acceso á información, aos dereitos e aos servizos públicos e privados que hoxe se prestan, en boa medida, a través da rede.
Neste sentido, os cursos buscan que as persoas participantes gañen autonomía, seguridade e confianza no uso das ferramentas dixitais. As sesións abordarán cuestións prácticas como a saúde dixital, a comunicación por WhatsApp e Telegram, o uso das redes sociais ou a prevención de riscos no contorno dixital.
Cursos con inscrición aberta
As formacións con prazas dispoñibles son as seguintes:
Tecnoloxía e benestar: Saúde na era dixital (+60) Datas: 25, 26, 27 e 28 de maio Horario: de 10:00 a 13:00 horas Data límite de inscrición: 11 de maio de 2026
Comunica con confianza: WhatsApp e Telegram (+60) Datas: 1, 2, 3 e 4 de xuño Horario: de 10:00 a 13:00 horas Data límite de inscrición: 18 de maio de 2026
Aprende a manexar as túas redes sociais (+60) Datas: 8, 9, 10 e 11 de xuño Horario: de 10:00 a 13:00 horas Data límite de inscrición: 25 de maio de 2026
Todas as formacións serán presenciais e desenvolveranse na Aula CEMIT de Arzúa, situada no Edificio de Servizos Múltiples, na rúa Lugo, 45.
PUBLICIDADE
As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico cos seus datos a comunicacion.alcaldia@concellodearzua.com ou chamando ao teléfono 981 500 000, extensión 111. O Concello de Arzúa anima a veciñanza maior de 60 anos a participar nesta proposta formativa, pensada para aprender con calma, resolver dúbidas e manexarse con máis confianza nun mundo cada vez máis dixitalizado.








Comentarios