top of page

Arzúa acollerá un encontro sobre dereitos e recursos para familias monomarentais

hace 14 minutos
2 min de lectura

A actividade, organizada por FAGAMOS coa colaboración do Concello, celebrarase o 15 de outubro e forma parte de «Os xoves na casa!»


Laura Moure/Arzúa

A Casa das Mulleres de Arzúa acollerá o vindeiro xoves 15 de outubro, de 17:00 a 20:00 horas, un encontro informativo para familias monomarentais. A participación será gratuíta, con inscrición previa, e haberá servizo de ludoteca para facilitar a asistencia das familias.

A Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS) organiza a xornada coa colaboración do CIM de Arzúa, pertencente á Área de Igualdade do Concello, que dirixe a concelleira Lucía López. A actividade enmárcase no Servizo de Atención ás Familias Monoparentais Galegas e permitirá achegar información práctica para a vida cotiá, resolver dúbidas e compartir experiencias con outras familias.


O encontro comezará cunha sesión informativa sobre o marco normativo e os principais recursos dispoñibles para as familias monoparentais en Galicia. Abordaranse cuestións relacionadas cos seus dereitos, as axudas e as redes de apoio. A continuación, abrirase un faladoiro no que as persoas asistentes poderán formular preguntas e trasladar as súas necesidades.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Durante a actividade, as crianzas poderán participar na ludoteca gratuíta. A xornada rematará cunha merenda para todas as familias asistentes, cun tempo para conversar e coñecerse.


A cita coincide co Día Internacional das Mulleres Rurais, unha ocasión para visibilizar a realidade das familias monomarentais que viven no rural, onde a dispersión territorial, os desprazamentos e a menor dispoñibilidade dalgúns servizos poden engadir dificultades á conciliación, aos coidados e ao acceso á información.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Aínda que FAGAMOS emprega preferentemente o termo «monomarentais» para visibilizar que a maioría destas familias están encabezadas por mulleres, o encontro está aberto a todas as familias monoparentais, con independencia do xénero da persoa proxenitora, así como a quen estea valorando ou planificando formar unha familia monoparental.

As inscricións deben realizarse a través do formulario habilitado por FAGAMOS. Para obter máis información, as persoas interesadas poden chamar ao 633 817 849 ou escribir a info@fagamos.com.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page