top of page

Arzúa abre o prazo para optar a cinco contratacións temporais ao abeiro do PEL-Concellos 2026

A convocatoria inclúe 4 postos de peón/peoa de servizos varios e 1 praza de auxiliar de biblioteca, dirixidas a persoas desempregadas en situación de exclusión laboral


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa informa da apertura do proceso selectivo para a contratación de cinco persoas traballadoras temporais ao abeiro do programa PEL-Concellos 2026 da Deputación da Coruña. A convocatoria inclúe 4 postos de peón/peoa de servizos varios e 1 praza de auxiliar de biblioteca, destinadas ao reforzo de servizos mínimos municipais e á promoción da inserción laboral de persoas desempregadas.

As bases reguladoras desta convocatoria foron aprobadas pola Xunta de Goberno Local na sesión ordinaria do 16 de abril de 2026 e publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o 22 de abril de 2026. O prazo de presentación de solicitudes será de cinco días hábiles, do 23 ao 29 de abril.


No caso dos postos de peón/peoa de servizos varios, prevese a contratación de catro persoas con xornada parcial de 29 horas semanais durante cinco meses, para a realización de tarefas vinculadas á recollida de residuos e á limpeza viaria. Pola súa banda, a praza de auxiliar de biblioteca terá tamén unha xornada de 29 horas semanais, cunha duración de tres meses, para reforzar o servizo da biblioteca pública municipal.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A convocatoria está dirixida a persoas que se atopen en situación de desemprego na data de inicio do proceso selectivo e que, ademais, estean nalgunha das situacións de exclusión laboral recollidas nas bases do programa provincial. Entre elas inclúense, entre outras, mulleres, persoas maiores de 45 anos, persoas desempregadas de longa duración, persoas con discapacidade, integrantes de fogares sen emprego, fogares monoparentais ou vítimas de violencia de xénero.


Para participar no proceso, as persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude no Rexistro do Concello de Arzúa ou na sede electrónica municipal.  A documentación e todos os anuncios sucesivos relacionados coa convocatoria poderán consultarse no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Arzúa.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O sistema de selección será de concurso de méritos para os postos de peón/peoa de servizos varios e de concurso-oposición para a praza de auxiliar de biblioteca. Ademais, a convocatoria prevé a creación dunha bolsa de traballo coas persoas que superen o proceso e non obteñan praza, co obxectivo de cubrir posibles baixas, substitucións ou renuncias durante a vixencia do programa.


Desde o Concello de Arzúa sublíñase "a importancia deste tipo de convocatorias, que permiten reforzar servizos públicos municipais esenciais ao tempo que se favorecen oportunidades laborais para persoas con máis dificultades de acceso ao emprego".

As persoas interesadas poden consultar as bases completas da convocatoria na sede electrónica municipal e no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page