top of page

Arzúa, Melide, Santiso e Toques contarán cunha unidade de atención temperá

A Xunta de Galicia financiará en 2022 a posta en marcha de dez novas, que prestarán servizo a un total de 29 novos concellos


Laura Moure/Terra de Melide/Arzúa

A Xunta de Galicia financiará en 2022 a posta en marcha de dez novas unidades de atención temperá, que prestarán servizo a un total de 29 novos concellos, para reforzar e estender a rede pública autonómica, e entre elas haberá unha que dará cobertura aos tres da Comarca Terra de Melide e tamén a Arzúa. A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, anunciou este mércores a resolución da orde de axudas para a creación de novos centros, coa que se atende o 100% das peticións formuladas, durante unha visita as instalacións da Mancomunidade do Carballiño-Ribeiro.

As novas unidades de atención temperá darán cobertura, así, aos concellos de O Porriño, Nigrán, Bueu e Arteixo, e ás seguintes agrupacións de concellos: A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario, Covelo e Melón; Chantada, Carballedo e Taboada; Becerreá, Baralla, As Nogais e Navia de Suarna; Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures e Valga; Betanzos, Oza-Cesuras e Paderne, e Toques, Melide, Arzúa, Santiso e Vilasantar.

Fabiola García agradeceu a labor que prestan as traballadoras deste servizo, que serven de guía profesional a milleiros de familias galegas para detectar posibles trastornos de comportamento nos nenos de entre 0 e 6 anos a través dunha actuación conxunta e interdisciplinar imprescindible para ofrecer unha resposta global ás necesidades do pequeno.

Máis de seis millóns de euros

Para garantir este servizo, que actualmente prestan 36 centros repartidos por toda a Comunidade, aos que hai que sumar os dez que se porán en marcha ao longo deste ano, o Goberno galego investirá 6,2 millóns de euros neste exercicio. A aposta que a Xunta de Galicia está a levar a cabo desde hai máis dunha década, engadiu a conselleira de Política Social en funcións, permitiu multiplicar por 15 o número de unidades en funcionamento desde 2009, cando só había dúas que cubrían 15 municipios, e multiplicar por dez o número de menores atendidos, que pasaron de 160 a 1.500.


NOTICIA RELACIONADA:

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page