Arrinca a programación do 25N en Arzúa cunha formación e coa exposición “Mulheres”
- Laura Moure

- hace 23 horas
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa inicia esta semana a programación municipal do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, coa posta en marcha das primeiras actividades incluídas na campaña institucional “Bótalle collóns… e practica o benquerer”, unha proposta coa que se busca interpelar directamente á sociedade e poñer o foco nos comportamentos machistas normalizados no día a día.

As dúas primeiras accións —unha formación e unha exposición fotográfica— marcan o inicio dun programa que abordará as violencias machistas desde a reflexión, a pedagoxía e a acción cultural, promovendo un modelo de convivencia baseado no respecto, na igualdade e no coidado mutuo.
Formación “Prostitución, explotación sexual e trata: realidade e dereitos”
A formación, organizada polo CIM de Arzúa en colaboración con Médicos do Mundo, ofrecerá unha aproximación actualizada á realidade da prostitución, da explotación sexual e da trata, desde unha perspectiva social, xurídica e de dereitos humanos. O obxectivo é proporcionar ferramentas para identificar situacións de vulneración e reforzar a capacidade de intervención das persoas e profesionais vinculados ao ámbito social.
Publicidade
Inauguración da exposición “Mulheres”, de Mercedes Vázquez Saavedra
O venres ás 20:00 horas, na Casa de Correos, terá lugar a inauguración da mostra fotográfica “Mulheres”, da fotógrafa Mercedes Vázquez Saavedra. A exposición poderá visitarse desde o 20 de novembro ata o 10 de decembro.
O proxecto retrata a vida das mulleres do rural da raia galego-portuguesa, poñendo en valor o seu traballo, a súa solidariedade e o seu papel fronteirizo. As imaxes evocan tamén a súa participación en accións de axuda humanitaria tras a guerra, converténdose nun testemuño da fraternidade e humanidade destas comunidades rurais.
Publicidade
“Con estes dous primeiros actos damos inicio á programación do 25N en Arzúa. A nosa intención é crear espazos de reflexión e sensibilización que axuden a comprender a dimensión real das violencias machistas e os comportamentos que as sosteñen", sinala Lucía López, concelleira de Igualdade. “Se realmente queremos avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria, temos que nomear o machismo sen eufemismos, asumir responsabilidades e promover o benquerer como práctica diaria, colectiva e transformadora. Esta programación busca precisamente iso: poñer o foco onde está o problema e construír relacións baseadas no coidado, no respecto e na igualdade.”








Comentarios