top of page

Arredor de 900 persoas asistiron á Xuntanza dos Nosos Maiores do Pino

Renderon homenaxe a Ramón Iglesias, Isabel Sánchez, Sara Purificación Martínez e Mercedes Vázquez

Laura Moure/O Pino

Arredor de 900 persoas participaron este sábado na XXVIII Xuntanza dos Nosos Maiores, organizada polo Concello do Pino na área recreativa da Madalena. A celebración, dirixida á veciñanza maior de 60 anos do municipio, serviu un ano máis para favorecer o reencontro e a convivencia, rendendo homenaxe como xa é tradición a varias persoas do concello pola súa traxectoria e contribución á vida da comunidade.

Nesta edición, os protagonistas foron Ramón Iglesias Fernández, de Arca, que fixo 96 anos

o pasado 4 de maio; Sara Purificación Martínez Salvado, que fixo 93 anos en Cebreiro o 16

de marzo, e Mercedes Vázquez Dubra, de Medín, que tamén naceu en 1933, no seu caso o 21 de abril. As tres persoas recibiron unha placa conmemorativa da man do alcalde,

Manuel Taboada, e de concelleiros do equipo de goberno, e tamén o aplauso das centos de persoas asistentes ao emotivo encontro. A cuarta homenaxeda, Isabel Sánchez Présaras, que celebrou en San Mamede os 93 o 18 de xuño, non puido asistir á festa, recollendo a placa e o ramo de flores uns familiares no seu nome.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

O alcalde destacou a importancia dunha celebración que “nos permite xuntarnos e recoñecer todo o que as persoas maiores fixestes e seguides facendo polo noso concello”.

“Vós sodes unha parte fundamental da historia do Pino e temos moito que agradecervos

polo voso traballo e por todo o que nos transmitistes ás xeracións que viñemos detrás”, sinalou.


Taboada felicitou de maneira especial as catro persoas homenaxeadas nesta edición e agradeceu a participación da veciñanza nunha convocatoria que volveu reunir centos de

persoas, consolidándose como unha das citas máis multitudinarias do municipio. “Chegar á edición número 28 con preto de 900 asistentes demostra o cariño que a veciñanza lle ten a esta xuntanza. É un día para reencontrarnos e desfrutar xuntos, pero tamén para lembrar que debemos seguir coidando e poñendo en valor as persoas maiores durante todo o ano”, afirmou o alcalde.


Da Banda de Música de Arca ao espectáculo tributo a Juan Pardo

A programación comezou co concerto da Banda de Música de Arca, dirixida por Andrés Pérez, seguido da misa celebrada como é habitual na carballeira da Madalena. Tras o acto

de homenaxe, os asistentes compartiron o tradicional xantar de confraternidade.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O menú, elaborado por Casa Taboada, estivo composto por empanada, troitas, polbo e carne ao caldeiro, co que os asistentes puideron repoñer forzas antes dunha animada

sobremesa na que non faltaron as conversas, as partidas ás cartas e o baile. A sobremesa estivo amenizada polo espectáculo Xuntos pola Música, unha proposta musical que rende tributo á figura de Juan Pardo. Sobre o escenario, Antonio Barros, Lys Pardo, iAlma e Fernando Calderón, acompañados por dous músicos en directo, interpretaron algunhas das cancións máis coñecidas do compositor e cantante galego.


A participación de Lys Pardo, filla do artista, achegou un compoñente especialmente emotivo a unha actuación que convidou as persoas maiores do Pino a revivir o repertorio

dun dos nomes máis destacados e queridos da nosa música.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Ao rematar, o dúo Eva e Camilo continuaron animando á festa, que volveu coincidir coa celebración do San Cristovo, que xuntou na área recreativa da Madalena a moitos camioneiros do Pino e arredores.

IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page