Arranca hoxe, día 6, en Arzúa o ciclo de música na rúa con catro concertos de balde este verán
- Laura Moure

- 6 ago
- 2 min de lectura
Sun Iou, Black, Os Liantes e Pepe Piña y Los Robinson actuarán na Praza de Galiza con entrada libre e de balde
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza, dentro da programación cultural de verán, unha nova edición do Ciclo de música na rúa baixo o título de En Aberto. Este ano prográmanse un total de catro concertos ao aire libre. Os mesmos celebraranse na Praza de Galiza ás 21:00 horas, serán de entrada gratuíta e con acceso libre.

Este xoves, 6 de agosto, terá lugar o primeiro concerto a cargo de Sun Iou, unha banda galega nada na área de Vigo e composta de oito integrantes que fusiona rock, electrónica e tradición nunha proposta enérxica e contemporánea. Co galego como lingua de creación e catro voces femininas á fronte, o grupo constrúe un directo intenso, onde conviven guitarras potentes, percusión, electrónica e instrumentos tradicionais.
PUBLICIDADE
Tras a publicación do seu primeiro disco, Agora (2024), Sun Iou consolida a súa identidade con EGOS (2026), un traballo que afonda nas tensións entre o individual e o colectivo a través dun son máis directo e contundente. A produción correu a cargo de Peter Petrowski.
Neste ciclo tamén se subirá ao escenario o xoves 13 de agosto a banda Black, un proxecto musical coruñés que cumpre dez anos achegando aos grandes da música soul na súa versión mais bailable coma Donna Summer ou Whitney Houston nos clásicos e Justin Timberlake ou Bruno Mars da época mais recente.
PUBLICIDADE
O xoves 20 será a quenda de Os Liantes, unha banda folk que, sobre o escenario, fusiona a forza das gaitas e a percusión tradicional cunha rica instrumentación moderna que inclúe saxofón, bouzuki, violín, guitarra acústica e eléctrica. O seu obxectivo é ofrecer un directo dinámico e participativo, deseñado para conectar co público e no que é imposible non arrincarse a bailar.
PUBLICIDADE
A última actuación correrá a cargo de Pepe Piña y Los Robinson o xoves 27 de agosto cun repertorio que traerá a Arzúa a mellor música das décadas dos 70 e 80.
PUBLICIDADE
O Concelleiro de Cultura, José Luís García, convida a toda a veciñanza e visitantes “a participar neste ciclo de concertos cargado de variedade de estilos e dunha gran calidade musical co propósito de chegar así a todos os públicos”.










Comentarios