O alcalde, Javier Varela, tivo unha reunión este mércores co presidente da Deputación e coa deputada Pilar García e a iniciativa explicaráselles aos veciños o 17 de abril
Laura Moure/Antas de Ulla
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, mantivo este mércores senllos encontros no Pazo de San Marcos co alcalde de Antas de Ulla, Javier Varela, e co presidente do Instituto de Estudos Ulloáns, Frascisco Pardo, para avanzarlles e explicarlles o proxecto do Parque Central de Galicia, que impulsa a institución provincial no centro xeográfico galego, situado no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante. O presidente prevé presentar publicamente a iniciativa a todos os veciños e veciñas o vindeiro 17 de abril nun acto aberto no que exporá os detalles e as actuacións concretas que se acometerán.
García, Varela e Tomé durante a reunión deste mércores.
José Tomé explicou ao rexedor de Antas e ao presidente do Instituto de Estudos Ulloáns que o obxectivo da Deputación é crear un gran espazo público de lecer e natureza no centro xeográfico de Galicia, acondicionando e poñendo en valor este lugar, o que dinamizará o emprego e a economía do municipio de Antas de Ulla, da comarca e do conxunto da provincia. “Este ambicioso proxecto suporá un revulsivo turístico e económico para a comarca da Ulloa e para o resto da provincia, enmarcado no forte compromiso da Deputación polo reequilibrio territorial e a fixación de poboación no entorno rural, creando novos postos de traballo e dinamizando a actividade económica”, destaca o mandatario provincial.
留言