Alumnado do Pino pode presentar os seus traballos para o concurso de postais ata o 28 de novembro
- Laura Moure

- hace 16 minutos
- 2 Min. de lectura
A ilustración gañadora será a felicitación institucional de Nadal
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino convida os escolares do municipio a participar un ano máis no Concurso de Postais de Nadal, que este ano acada a súa vixésimo terceira edición. O obxectivo deste certame é fomentar as artes plásticas entre a xente máis nova e contribuír á difusión das tradicións do Nadal, promovendo a participación, a imaxinación e o espírito creativo do alumnado. Poderán participar todos os nenos e nenas escolarizados no CPI Camiño de Santiago e na Escola Unitaria de Gonzar, así como aqueles que, aínda que estuden noutros centros, estean empadroados no Concello do Pino.
O concurso divídese en cinco categorías segundo o nivel educativo: educación infantil,
primaria (1o, 2o e 3o ciclos) e secundaria. O tema das postais será o Nadal e os traballos deberán incluír a inscrición “O Pino, Bo Nadal e Feliz 2026”. As postais deberán ser orixinais e inéditas, poderanse elaborar con calquera técnica artística —pintura, acuarela, témpera, collage, etc.— e haberán de realizarse sobre folio ou cartolina nun tamaño máximo DIN-A4. Recoméndase evitar materiais que poidan desprenderse cando as obras se expoñan de forma vertical.

Os traballos, que poden facerse tanto individualmente como en grupo, poderán presentarse no Rexistro Xeral ou por sede electrónica ata o venres 28 de novembro. Para a presentación, cada alumno/a ou grupo fará figurar na súa postal un número que lle asignara o seu titor, así como o curso e a idade do/s participantes. Este debuxo gardarase nun sobre pechado que levará o mesmo número asignado e que se acompañará, nun segundo sobre, do formulario Anexo I debidamente cuberto. Os centros escolares -CPI Camiño de Santiago e Escola Unitaria de Gonzar- encargaranse de presentar no Rexistro Xeral os que alí se entreguen.
O xurado, formado por profesionais das áreas sociocultural, deportiva e educativa do
Concello, valorará a orixinalidade, a composición, a calidade plástica, o deseño e a
adecuación ao tema proposto. O fallo darase a coñecer a partir do 4 de decembro de 2025
e a entrega de premios realizarase o 5 de xaneiro de 2026, coincidindo coa festa posterior á tradicional Cabalgata de Reis.
Publicidade
Os gañadores do concurso daranse a coñecer a partir do 4 de decembro e os premios, que se entregarán o día da cabalgata de Reis, consistirán en lotes de libros e material escolar valorados nos seguintes importes: 42,94 euros na categoría de educación infantil; 30,98 euros no primeiro ciclo de primaria; 35,45 euros no segundo ciclo; 37,90 euros no terceiro; e 54,95 en secundaria.
Haberá un premio por categoría e, entre os cinco traballos premiados, elixirase un gañador
absoluto que será empregado como felicitación institucional do Concello do Pino.
O Concello lembra así mesmo que as postais premiadas pasarán a ser propiedade do Concello, que poderá reproducilas e difundilas en calquera soporte, sempre facendo constar o nome da persoa autora. Con todas as obras participantes farase tamén unha exposición para dar visibilidade ao talento artístico infantil e xuvenil do municipio.







Comentarios