top of page

Alumnado do colexio de Rodeiro recibirá este venres unha charla sobre os medicamentos personalizados

A investigadora Carmen Álvarez amosaralles os últimos avances neste eido, estimando que cada persoa toma uns 50.000 comprimidos ou cápsulas ao longo da súa vida


Laura Moure/Rodeiro

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra teñen en marcha o V Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, dirixido a alumnado de Secundaria e Bacharelato, co fin de achegar a ciencia e fomentar as vocacións científicas entre a poboación máis nova. Esta iniciativa está coordinada pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago e vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez Toranzo. Este venres, 18 de outubro, celebrarase unha nova sesión, que terá lugar no CPI de Rodeiro, ás 9:30 horas.


O alumnado de terceiro e cuarto da ESO asistirá a unha charla sobre “Medicamentos personalizados”, que impartirá Carmen Álvarez Lorenzo. É catedrática de Tecnoloxía

Farmacéutica da Universidade de Santiago, académica da RAGC e da Real Academia de Farmacia de Galicia.

Carmen Álvarez Lorenzo.

A científica explica que os medicamentos conteñen fármacos nunha determinada cantidade ou dose para previr ou curar enfermidades. “En moitos casos, a mesma dose

dun fármaco serve para a maioría das persoas. Non obstante, hai quen necesita fármacos distintos ou doses diferentes do mesmo fármaco, o que fai necesario preparar medicamentos personalizados que se adapten ás súas necesidades específicas” -

salienta-. Esta charla busca achegar ao alumnado, dunha forma dinámica e amena, os últimos avances no eido da medicina personalizada.


“Preténdese, en primeiro lugar, que coñezan que é un fármaco -substancia activa que permite diagnosticar, previr ou curar un determinado proceso patolóxico- e como se obteñen os medicamentos, é dicir, as entidades máis complexas que se poden administrar ao organismo para que ese fármaco desenvolva todo o seu potencial terapéutico de maneira eficaz e segura” -apunta a experta-. Segundo os datos achegados pola catedrática, na actualidade estímase que cada europeo toma 50.000 comprimidos ou cápsulas ao longo da súa vida, o que equivale a dous medicamentos ao día.


O medicamento personalizado fai referencia ao axuste das actuacións sanitarias tomando como base o perfil xenético do paciente. Os medicamentos personalizados ou de precisión son aqueles que se adaptan ás peculiaridades de cada paciente para manter ou restablecer máis eficazmente a saúde. O seu desenvolvemento foi posible a partir da secuenciación do xenoma humano completo en 2003. “Desde entón, a análise de moitos xenomas humanos está a permitir identificar mutacións (é dicir, cambios no ADN) asociadas ao risco de padecer determinadas enfermidades e tamén outras mutacións

que causan a sobreexpresión de receptores nas células afectadas por unha determinada

patoloxía e que poden servir como dianas para dirixir de maneira selectiva os fármacos

cara a elas”-sinala Carmen Álvarez-.


“O deseño dun medicamento personalizado require coñecer a causa da enfermidade e

identificar o fármaco máis adecuado para cada variante xenética. A continuación, hai que abordar o desenvolvemento do medicamento ou forma de dosificación máis adecuada

para esas persoas” -indica a investigadora-. Destaca que a personalización pódese

abordar a distintos niveis: dose (é dicir a cantidade de fármaco), lugar de cesión, perfil de

cesión e reaxuste segundo a evolución da enfermidade.


“A aparición das impresoras 2D e 3D está a abrir novas posibilidades de personalización grazas á súa versatilidade e capacidade de produción a pequena escala para dar

resposta ás necesidades específicas dos distintos pacientes. En particular, pódese producir baixo demanda pequenos lotes de medicamentos personalizados en canto a

doses de fármaco, excipientes (cando se expoñen problemas derivados de intolerancias,

alerxias ou condicionamentos culturais) e tamaños e morfoloxías para pacientes

pediátricos, xeriátricos ou grupos especiais” -manifesta a experta-.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Medicamentos bioelectrónicos

Carmen Álvarez sinala que tamén están en fase de desenvolvemento medicamentos bioelectrónicos, que “perciben” as peculiaridades da contorna biolóxica e que se poden

programar para desempeñar funcións concretas, enviar información a dispositivos

electrónicos externos ou, mesmo, responder a ordes procedentes do exterior. Indica que,

en paralelo, o desenvolvemento da nanotecnoloxía está a abrir novos camiños para

abordar o desenvolvemento de nanomedicamentos personalizados, que actúan como

nanotransportadores que encapsulan o fármaco e permiten dirixilo cara a determinados

órganos ou tecidos. Desta maneira, concéntrase o fármaco onde debe actuar,

aumentando a eficacia e a seguridade dos tratamentos.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page