Altri NON! chega ao Congreso en Madrid para esixir ao Goberno que non financie Altri
- ecosdacomarca
- hace 12 minutos
- 3 Min. de lectura
Centos de persoas concentráronse fronte ao Congreso dos Deputados en solidariedade co movemento cívico que dende hai un ano loita contra o proxecto de Altri na Ulloa
Ecos da Comarca/Xeral
Ducias de persoas concentráronse este xoves 8 de maio, ás 19:00 horas, fronte ao Congreso dos Deputados en Madrid para esixir ao Goberno español que rexeite outorgar calquera tipo de axuda económica ao proxecto de macrofábrica de celulosa da multinacional Altri na Ulloa. A concentración, dirixida especialmente á colectividade galega na capital, contou con numerosos cidadáns e cidadás de diferentes puntos do Estado, que replicaron na Carreira de San Xerónimo o berro de auxilio que se está a escoitar masivamente en Galicia no último ano: Altri NON! O acto foi convocado pola Plataforma Ulloa Viva, composta por veciños e veciñas da comarca da Ulloa e de moitas outras partes de Galicia, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace.

Durante a concentración leuse un manifesto que levaba o mesmo título que o da primeira gran manifestación contra o proxecto, en Palas de Rei (maio de 2024): “Dende A Ulloa ata a ría: terra, auga e aire son vida”, que alude ás ameazas socioambientais que o proxecto de macrocelulosa de Altri ten dende a comarca da Ulloa, no corazón xeográfico de Galicia, á ría de Arousa, onde desemboca o río Ulla. A empresa portuguesa, en asociación coa galega Greenalia, pretende extraer acotío desta conca fluvial até 46 millóns de litros de auga –equivalente ao consumo de toda a provincia de Lugo– e verter até 30 millóns de auga contaminada a 27º C despois de pasar polo proceso extractivo da celulosa.
“Hoxe reunímonos aquí, fronte ao Congreso dos Deputados, para solidarizarnos cun movemento cívico de dignidade, de loita, de mobilización permanente, pero tamén de esperanza, que desde hai máis dun ano levantouse dende o corazón de Galicia, para dicir que xa abonda. Para dicir que a integridade ecolóxica do territorio e a nosa conexión harmónica con el é a base da nosa existencia. Para advertir de xeito nidio que non estamos dispostas a que ninguén poña en risco aquilo que nos dá a vida. E para, unha vez máis, negarlle a licenza social a un proxecto de planta de celulosa que ameaza o noso medio ambiente, a nosa forma de vida e o futuro das xeracións vindeiras. Ao cabo, para berrar alto e claro ‘Altri NON!”, escoitouse durante a lectura do manifesto.
Publicidade
Recentemente transcendeu a negativa do Ministerio de Industria e Turismo a que Altri reciba os 30 millóns de euros que solicitara no marco dos fondos europeos asociados ao Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) dirixidos a proxectos de descarbonización. As organizacións convocantes celebraron isto como unha pequena vitoria. Porén, advirten que a empresa aínda insiste en pedir ao Goberno do Estado até 250 millóns de euros de axudas directas. “O que realmente necesita Galicia escoitar por parte do Goberno central é que das arcas públicas non sairá nin un só euro nin do PERTE nin de ningún tipo de axuda directa, pois o proxecto é enormemente prexudicial para o medio ambiente e a sociedade galega”, afirmaron.
Publicidade
Desde o 26 de maio do ano pasado, cando máis de 20.000 persoas de toda Galicia marchaban contra Altri na zona cero do proxecto, Palas de Rei -unha cabeceira municipal duns mil habitantes-, en Galicia están a vivirse as mobilizacións máis grandes que se lembran desde a crise do Prestige. Centos de embarcacións entrando na ría de Arousa en defensa do mar; decenas de miles rodeando a sede da Xunta de Galicia en Compostela; até 100.000 persoas, tamén na capital galega, enchendo tres veces no mesmo día a Praza do Obradoiro, e así, unha infinidade de actividades reivindicativas cada semana. Lonxe de desanimarse coa publicación por parte da Xunta de Galicia dunha Declaración de Impacto Ambiental, condicionada, pero favorábel á empresa, o movemento intensificou as mobilizacións e xa anuncia numerosos recursos xudiciais no caso de que a Xunta lle outorgue a Autorización Ambiental Integrada.
Comments