top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Alfonso Rueda, xunto a candidatos ao Congreso e o Senado por Lugo, visita Jim Sports

O presidente da Xunta sinalou en Palas que aposta por un cambio a partir do 23 de xullo que simplifique os trámites empresariais e axilice a xestión dos fondos europeos



Ecos da Comarca/Palas de Rei

Este martes o presidente de Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, xunto a candidatos ao Congreso e o Senado por Lugo, visitou ás instalacións do Grupo Jim Sports en Palas de Rei. Rueda, sinalou na Ulloa, que aposta por un cambio a partir do 23 de xullo que simplifique os trámites empresariais e axilice a xestión dos fondos europeos


O presidente do PPdeG exemplificou o crecemento da Galicia interior no caso do concello de Palas de Rei e a comarca da Ulloa, vinculándoo á conxunción de “empresarios con ideas e administracións que apoian”. Sobre a situación do proxecto que Altri pretende poñer en marcha neste concello, Alfonso Rueda recordou que hai un ano que lle solicitou a Pedro Sánchez os fondos europeos necesarios para que a empresa puidera establecerse en Palas de Rei e xerar emprego en toda a comarca.

“O único que pedía era un empurrón ao proxecto cos fondos europeos que a día de hoxe aínda seguen sen gastar e retidos no Ministerio de Industria sen que ninguén se poida beneficiar deles. Pero, a pesar de que o presidente me dixo que ía haber unha asignación inmediata, pasou un ano e seguimos sen saber absolutamente nada”, explicou. O líder dos populares galegos lamentou que o único que se ofreza desde o Goberno central a proxectos como este sexan “moitas promesas, moitas reunións e un empeño por complicar as cousas cada día aínda máis con burocracia e marañas de trámites”


Por iso asegurou que o 23 de xullo todo isto ten que acabar “para que comecen a facerse as cousas ben de verdade” e se ofreza axuda a quen queira crear riqueza: “Non pode ser que inversores que queren aportar moito capital para crear postos de traballo e que só piden beneficiarse dos fondos europeos non poidan facelo”.

“Estanse perdendo oportunidades e, como demostramos desde o Goberno galego e en concellos como Palas de Rei, cando hai administracións dispostas a botar unha man e inversores dispostos a xerar riqueza, a poboación medra e beneficiámonos todos”, concluíu.


Publicidade

Pola súa banda, o número 1 ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, referiuse ao Grupo Jim Sports como “un caso de éxito desde o punto de vista industrial, pero tamén de creación de emprego, fixación de poboación no rural e capacidade para

atender as necesidades da cidadanía por parte do concello que se beneficia deste éxito”


Conde reivindicou a liña de traballo do Goberno galego apostando polo éxito empresarial, con proxectos tamén radicados en Palas de Rei como o de Granja Campomayor – que vén de ser declarada como iniciativa empresarial prioritaria – ou Flytech: “Son proxectos que reflexan unha aposta pola Galicia industrial e innovadora, con iniciativas que xeran emprego de calidade e permiten a fixación de poboación no rural”. Referíndose ao caso concreto de Altri, lamentou que este proxecto non estea recibindo o mesmo apoio por parte do Goberno de España como o que ten recibido de Portugal: “O razoable é que Altri teña igualdade de condicións de cara ao acceso a fondos europeos e, por tanto, permitir a vertebración da provincia de Lugo desde o punto de vista industrial”

Pola súa banda, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, contrapuxo o éxito colleitado polo Grupo Jim Sports co éxito que debería ter tamén Altri: “A nosa comarca e o noso concello están cansos de tantas palabras e de tanto esperar”. “Dunha vez por todas reclamamos que o Goberno central aporte os fondos necesarios para conseguir que o proxecto de Altri sexa unha realidade e que mellor oportunidade que este 23 de xullo cando haxa un galego na presidencia do Goberno que garanta por fin a chegada deses fondos”, subliñou.

0 comentarios

Yorumlar


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page