AECA adianta o Black Friday coa súa “Feira Neghra” de descontos e premios no comercio arzuán
- Laura Moure

- 20 nov 2025
- 2 min de lectura
Máis de 15 establecementos do Centro Comercial Aberto de Arzúa participarán nesta campaña, que se celebrará coincidindo coa Feira quincenal e co Festival Zona da Zanfona
Laura Moure/Arzúa
AECA pon en marcha a “Feira Neghra”, unha campaña especial de Black Friday anticipado que encherá de descontos e premios o comercio local o 22 de novembro. A
iniciativa, na que participarán máis de 15 establecementos da vila, nace co obxectivo de
incentivar as compras no pequeno comercio e ofrecer unha alternativa de proximidade ao
consumo masivo das grandes superficies.

Este ano, a “Feira Neghra” celebrarase coincidindo coa feira quincenal de Arzúa,
aproveitando o movemento de xente e o ambiente de rúa que xera este encontro comercial
tradicional. Ademais, a xornada enmarcarase tamén no Festival Zona da Zanfona, que
achegará música e cultura ao centro da vila, reforzando a idea de Arzúa como espazo vivo,
dinámico e aberto á participación veciñal e visitante.
Ao longo do día, as persoas que merquen nos negocios adheridos á campaña poderán
achegar os seus tickets de compra á praza e xogar á “Ruleta de AECA”, unha acción
lúdica coa que se repartirán ata 500 premios directos entre a clientela.
“Queremos que a xente saiba que en Arzúa tamén se pode vivir un Black Friday diferente:
cun trato próximo, coidando o tecido económico local e convertendo as compras nunha
experiencia divertida, nun día no que o comercio, a feira e a cultura van da man”, sinalan
desde AECA.
Publicidade
A Feira Neghra combinará descontos, promocións especiais e premios co ambiente da
Feira quincenal e co programa do Festival Zona da Zanfona, convertendo o 22 de
novembro nun día completo de compras, encontro social e cultura. A campaña busca,
ademais, adiantarse ao Black Friday tradicional, concentrando o consumo na propia vila e
evitando que a clientela teña que desprazarse a outras cidades ou centros comerciais.
Os establecementos participantes abranguen diferentes tipos de negocio, o que permite que as familias poidan atopar nun só día agasallos, moda, servizos, bricolaxe e pequenos
electrodomesticos, sempre coa garantía e proximidade do comercio de Arzúa.
Publicidade
Desde AECA subliñan que este tipo de accións “axudan a visibilizar o esforzo dos pequenos negocios, que sosteñen emprego, dan vida ás rúas e manteñen acesa a
economía local durante todo o ano, non só en datas sinaladas”. AECA Arzúa anima a toda a veciñanza e visitantes a anotar na axenda o 22 de novembro, achegarse á feira quincenal, gozar do Festival Zona da Zanfona e gardar os seus tickets de compra nos establecementos adheridos para poder participar na ruleta e optar a varios dos 500 premios dispoñibles.
Terá lugar na praza de Arzúa (zona ruleta AECA) e haberá 500 premios directos na “Ruleta de AECA”. Para máis información sobre establecementos participantes e detalles da campaña, pódese consultar a web e redes sociais da AECA-CCA Arzúa.








Comentarios