top of page

Adiante Melide propón dar o nome de Antonio García Mourelle e da Asemblea de Melide de 1520 a 2 rúas

hace 1 hora
2 min de lectura

As dúas iniciativas serán debatidas no pleno municipal que se celebrará hoxe,

mércores 25 de novembro, ás 20:00 horas


Laura Moure/Melide

O Grupo Municipal de Adiante Melide, formación política que encabeza o alcalde, José Manuel Pérez, levará ao pleno municipal de hoxe, que será ás 20:00 horas, dúas mocións relativas á denominación de rúas da vila, coincidindo coa proximidade dos aniversarios da Asemblea de Melide de 1520 e do falecemento do antigo párroco Antonio García Mourelle.


Con ambas as iniciativas, o grupo municipal pretende contribuír á preservación da memoria colectiva, poñer en valor a identidade de Melide e render homenaxe a aquelas

persoas e acontecementos que tiveron especial relevancia na historia da vila.

Antonio García Mourelle.
Antonio García Mourelle.

Unhas das mocións propón dar o nome de Antonio García Mourelle, párroco de Melide

durante moitos anos, ao tramo comprendido entre a esquina da Travesía de San Antonio

e o cruzamento de Santa María, pasando por diante da Capela do Carme. O próximo 10 de decembro cumpriranse 16 anos do falecemento do sacerdote, do que o grupo municipal destaca o seu compromiso con Melide, a súa disposición para colaborar, participar e dinamizar diferentes actividades, así como a súa especial vinculación coa

mocidade da vila.


Adiante Melide considera que o seu legado forma parte da historia de Melide e que esta

iniciativa suporía un recoñecemento público á súa traxectoria e á súa contribución á vida

social da localidade.

 PUBLICIDADE


Asemblea de Melide de 1520

Outra das mocións propón denominar Rúa Asemblea de Melide de 1520 a nova vía

resultante da reurbanización do SAU 11. O vindeiro 4 de decembro cumpriranse 506 anos da reunión en Melide dos representantes das principais casas nobiliarias de Galicia, que reclamaron a El-Rei a recuperación do voto en Cortes para Galicia, a participación do reino nas novas oportunidades da era dos descubrimentos e a mellora das súas capacidades militares e defensivas mediante o nomeamento dunha Capitanía Xeral.


Tal e como se recolle na exposición de motivos da moción, este acontecemento supuxo

un importante acto de afirmación política do Reino de Galicia, que reclamaba unha maior

capacidade de autogoberno, de xestión e de oportunidades para o futuro. Adiante Melide considera que a incorporación desta denominación ao rueiro municipal contribuiría á difusión e ao recoñecemento deste acontecemento.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Propostas de acordo

En ambas as mocións, o grupo municipal solicita o inicio dos correspondentes

expedientes administrativos para a denominación oficial das rúas, así como dar traslado

dos acordos aos servizos municipais e ás administracións pertinentes para a actualización

do rueiro municipal e dos demais rexistros oficiais.


As propostas contemplan tamén a organización de actos públicos de descubrimento das respectivas placas conmemorativas, coa participación da corporación municipal e da veciñanza e, no caso da homenaxe ao antigo párroco, tamén da súa familia.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
32941502-7315-4b45-bdb2-1e2337015ba2.jfif

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page