top of page

A Xunta salienta que os axustes nos bus acurtaron en 45 minutos a viaxe entre Boimorto e Coruña

Laura Moure/Boimorto

A Xunta salienta que os axustes realizados acurtaron en 45 minutos a viaxe en autobús entre Boimorto e A Coruña e adaptáronse ás necesidades dos usuarios. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, explicou no Parlamento que para responder ás necesidades dos usuarios, a Xunta axustou o tempo da viaxe desta liña, pasando o percorrido entre as cabeceiras de 2 horas e 25 minutos a 1 hora e 40 minutos.

Precisou que tamén se adiantou en 5 minutos a saída do autobús en orixe, pasando das 7:15 ás 7:10 horas.

Destacou que estes dous axustes posibilitan que os usuarios vexan reducida a duración da viaxe e cheguen á Coruña antes das 9, fronte ás 9:50 horas de antes. Así, este horario facilita as incorporacións aos centros de ensino ou aos postos de traballo.

Salientou que o mes pasado o número de usuarios que se subiron en Abegondo se incrementou un 15% con respecto ao mes anterior e os que tiñan como destino este concello aumentaron un 12%. Fixo fincapé en que a Xunta escoita e atende, sempre que é posible facelo, as peticións da cidadanía, outras administracións ou os operadores que, ao fin, son os que teñen un contacto diario e directo cos usuarios de cada un dos servizos.

Subliñou que o Goberno galego realiza un seguimento continuo do funcionamento dos servizos para poder realizar axustes, se é necesario, e resolver as necesidades dos cidadáns en materia de mobilidade.

Puxo en valor a aposta da Xunta polo transporte público, ao prever o vindeiro ano un investimento de 90 M€ para financiar o 76% do custo do billete aos usuarios; e a súa totalidade, no caso dos menores de 21 anos, que viaxan gratis coa tarxeta Xente Nova.

Lamentou que a única proposta do BNG na materia sexa unha emenda aos Orzamentos da Xunta de 2023 para sacar 40 M€ destinados á sanidade, un servizo público esencial e prioritario, para destinalos ao transporte.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page